Paulo Carlos López: "O cambio político na Galiza será a tres ou non será"

Paulo Carlos López López (Bergondo,1985) é o voceiro de Sumar na Galiza. Profesor de Ciencia Política na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e cunha longa traxectoria política ás súas costas, non se descarta para encabezar as listas da súa formación nas próximas eleccións galegas

Optimized by JPEGmini 3.18.17.230625896-TBTBLNP 0x488d2d0f
photo_camera Paulo Carlos López é o voceiro de Sumar na Galiza. (Foto:Nós Diario).

—A pasada semana facíase público o seu nomeamento como voceiro de Sumar na Galiza e confirmábase a intención da súa formación de concorrer ás eleccións galegas. Sobre que bases programáticas se asenta a súa proposta?

Despois do bo resultado das eleccións de xullo de Sumar Galicia, unha consecuencia é a nosa vontade de presentarnos ás eleccións galegas.

Neste sentido, a nosa base  programática aséntase en varios aspectos, que vou resumir en dúas ideas fundamentais. A primeira idea é que Sumar na Galiza trae novas ideas para Galiza sustentadas en políticas públicas útiles como se veu a nivel de Estado.

A segunda gran pata recolle unha serie de propostas que considero interesantes, como unha rede pública de coidados, que vén entroncar coa nosa visión feminista. Queremos, tamén, preparar a Galiza para o que se chama a tripla transición, dixital, ecolóxica e socioeconómica.

Finalmente está a visión do autogoberno, onde pensamos que desde 2009 non hai ningunha competencia nova. Nese sentido cremos necesario  reforzar o autogoberno con políticas públicas útiles.

—Nas últimas semanas teñen mantido conversas con diversas formacións políticas, como Esquerda Unida ou Podemos, como se están desenvolvendo esas negociacións e que lle diría a aqueles actores que consideran que hai que axilizar o acordo na perspectiva dun adianto electoral?

Sumar Galicia está aberta a todos aqueles actores progresistas, de esquerdas que recoñezan a plurinacionalidade do Estado. Nós levamos dous meses mantendo contactos con Esquerda Unida e Podemos e pensamos que o razoábel é dicir que están avanzando as negociacións, quizais máis lento do que quixeramos, pero están avanzando as negociacións.

As negociacións susténtanse nos piares programáticos, nos cales estamos evidentemente avanzando, e noutro piar, que é o procedemento de concorrencia e o procedemento de escolla de referentes. E nesa segunda cuestión é na que estamos agora mesmo negociando. Neste sentido, son bastante optimista na articulación desta fronte común, porque creo que sería unha boa posición de partida para concorrer con máis forza aos vindeiros comicios. Temos logo a intención de concorrer con Podemos, Esquerda Unida e outras forzas políticas  que se sintan apeladas.

—Unha das cuestións chave que teñen por diante é definir o seu candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, na súa opinión que criterios debe cumprir esa persoa?

Aínda non está decidido o candidato ou candidata á Presidencia da Xunta da Galiza, iso será a culminación dun proceso de escoita que imos levar adiante as vindeiras semanas. En todo caso, un candidato ou candidata á Presidencia da Xunta debe ser unha persoa recoñecida no seu aspecto profesional, como referente no seu espazo político e ter a suficiente solvencia para poder xerar unha alternativa de Goberno ao PP. Penso que a entrada de Sumar no Parlamento da Galiza vai ser condición necesaria para que haxa cambio no Goberno galego. En definitiva o cambio político na Galiza será a tres ou non será.

—Cumpre vostede eses criterios ou descártase para liderar a candidatura de Sumar á Presidencia da Xunta?

Primeiro hai que dar os pasos orgánicos, pór en marcha o proceso de escoita e dese proceso de escoita van saír nomes de homes e mulleres que cumpran esas tres características e, finalmente, será referendado por un proceso democrático. Nese momento, coñecerase o candidato.

Mobilizar o electorado abstencionista

Paulo Carlos López explica o seu retorno á primeira liña política, despois de anos de militancia en formacións do nacionalismo como Galiza Nova ou Compromiso por Galicia, como consecuencia de sentirse “apelado” no proceso de conformación de Sumar. Neste sentido, considera “coherente coa miña traxectoria política no campo do galeguismo e da esquerda” a súa integración en Sumar, “unha forza política que se parece moito á Galiza progresista”.

López defende que a súa formación “é capaz de sacar da abstención a moita xente que non votaría outra opción política” e destaca o seu papel para mobilizar bolsas do electorado tradicionalmente abstencionistas. Nesta liña, entende que “Sumar na Galiza e a síntese da Galiza progresista e das aspiracións nacionais de autogoberno” e destaca a súa proximidade a Marta Lois e a Yolanda Díaz.

Comentarios