Esquerda Unida mantén as conversas con Sumar de cara ás galegas, mentres Podemos segue coas relacións rotas

Aínda que en Euskadi mantéñense as conversacións entre Podemos e Sumar, o sucedido na Cámara Baixa fixo saltar polo ar o diálogo na Galiza.
Paulo Carlos López en rolda de prensa (Foto: Sumar).
photo_camera Paulo Carlos López en rolda de prensa (Foto: Sumar).

As relacións de Sumar e Podemos na Galiza distáncianse cada vez máis desde a ruptura do grupo parlamentario no Congreso a pasada terza feira na. Aínda que en Euskadi mantéñense as conversacións, o sucedido na Cámara Baixa fixo saltar polo ar o diálogo na Galiza.

De feito, despois de que a pasada semana os cinco deputados de Podemos deixasen o grupo parlamentario e que Sumar Galicia reaccionase co anuncio de que se "paralizaban" de forma "temporal" as conversacións con Podemos, o diálogo previsto entre todas as partes non se produciu como estaba pensado.

Ao longo desta ponte de decembro estaba previsto o diálogo a tres partes entre Sumar, Esquerda Unida (EU) e Podemos Galicia, pero finalmente esta organización non participou da conversación, algo que atribúen -segundo fontes da formación violeta- a un "veto" da formación de Díaz.

De feito, fontes de Podemos Galicia si dan por "rotas" as conversacións e trasladan esta responsabilidade a Sumar, xa que ,segundo fontes desta organización, o diálogo pola súa parte mantense aberto para asinar unha coalición. Sumar, por contra, sitúa a pelota no tellado dos morados polo sucedido en Madrid e, por mor desa ruptura, matizou o seu discurso, distanciándose dunha coalición para pór o acento en que o proxecto está aberto a "persoas".

Pola súa banda, EU mantén a súa aposta por unha coalición a tres bandas, reeditando o pacto para as estatais, como xa defenderon os seus órganos de dirección. Por tanto, de non ser posíbel esta fórmula, a dirección de EU volverá someter a consulta o destino que tomará.

Diálogo

Neste sentido, aínda que EU tiña moi avanzado o diálogo con Podemos Galicia para unha coalición á espera da constitución de Sumar Galicia -que non se efectivizou até despois da investidura-, terá que decidir, se a ruptura é definitiva.

E neste escenario, Podemos Galicia ábrese a deseñar posíbeis escenarios alternativos se persisten as diferenzas. "Seguimos mantendo a porta aberta, pero empezaremos a preparar o escenario B e C", dixeron fontes desta formación.

Comentarios