Confírmase a ruptura: Podemos racha con Sumar e pasa ao Grupo Mixto no Congreso

No caso da Galiza aínda está por ver se ambas as formacións concorrerán xuntas aos comicios ao Parlamento da Galiza de 2024 que terán lugar, previsibelmente, no primeiro trimestre do ano.
A líder de Podemos, Ione Belarra, na entrada do Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).
photo_camera A líder de Podemos, Ione Belarra, na entrada do Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).

Finalmente aconteceu o que moita xente esperaba. Podemos racha oficialmente con Sumar e os deputados da formación liderada por Ione Belarra pasarán a formar parte do Grupo Mixto no Congreso en Madrid.

Así o adiantou o Diario Red, un medio dirixido polo que fora fundados da organización, Pablo Iglesias. Pouco despois, o portavoz de Podemos, Javier Sánchez Serna confirmou a ruptura nunha declaracións á prensa.

“Anúnciolles que desde agora os deputados de Podemos pasamos ao Grupo Mixto para garantir a nosa capacidade de facer política no Congreso e seguir garantindo as transformacións valentes”, dixo Serna nunha pequena declaración.

Caso galego

No caso da Galiza aínda está por ver se ambas as formacións concorrerán xuntas aos comicios ao Parlamento da Galiza de 2024 que terán lugar, previsibelmente, no primeiro trimestre do ano.

O portavoz de Sumar, Ernest Urtasun, esta segunda feira respondeu a Podemos Galicia que agora non toca falar de "cotas" senón que agora hai que centrarse en conseguir armar unha proposta política e un proceso participativo coa sociedade civil potente.

Tamén asegurou que a coalición non contempla cambiar á portavoz parlamentaria de Sumar no Congreso, Marta Lois, que fai un "traballo extraordinario" na Cámara baixa española.

Así o trasladou en rolda de prensa, cuestionado pola posición do líder do partido morado na Galiza, Borja San Ramón, que urxiu esta fin de semana a "acelerar" o proceso de negociación en busca dunha candidatura de unidade.

E para iso demandou unha resposta á súa proposta de asinar unha coalición electoral na que Sumar, Podemos e EU estean representadas a 33% na futura candidatura, onde todas esas forzas estean recoñecidas por igual.

Comentarios