Belarra di que Podemos Galicia ten autonomía para decidir a súa posición sobre as eleccións galegas

A secretaria xeral de Podemos di que a ruptura con Sumar era “imprescindíbel”

A líder de Podemos, Ione Belarra, na entrada do Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).
photo_camera A líder de Podemos, Ione Belarra, na entrada do Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).

A secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, xustificou esta cuarta feira a ruptura con Sumar porque non lles quedou "outro remedio" para seguir sendo unha "ferramenta útil" que permita afrontar políticas "valentes".

Nas primeiras declaracións da líder de Podemos após a ruptura do seu partido con Sumar, insistiu en que tomaron unha decisión "difícil mais imprescindíbel" para poder cumprir co mandato "da xente que cre en Podemos".

"Tomamos esta decisión [rachar con Sumar] que nos gustaría non tomar", afirmou a secretaria xeral de Podemos

Sobre como pode afectar a ruptura ás negociacións que mantiñan con Sumar e Izquierda Unida para impulsar unha candidatura conxunta para as eleccións en 2024 na Galiza e Euskadi, explicou que as direccións territoriais teñen autonomía para decidir o que máis lles convén á súa xente.

Belarra, nunha comparecencia no Congreso onde se conmemora o 45 aniversario da constitución, evitou pronunciarse sobre a etiqueta de "tránsfugas" que lles puxeron desde Sumar por deixar a coalición para irse ao Grupo Mixto.

Agora, apuntou, póñense a traballar nese camiño de "medidas valentes" no que levan desde hai moito tempo, dixo, especialmente desde o seu labor no Goberno estatal anterior.

Sumar Galicia vén de paralizar as conversacións con Podemos Galicia tras a decisión dos cinco deputados procedentes da formación morada de deixar o grupo da vicepresidenta segunda do Goberno español, Yolanda Díaz, no Congreso e anunciar o seu pase ao Grupo Mixto.

Fontes de Sumar Galicia confirmaron esta "paralización temporal das conversas", despois dos primeiros encontros formais tras a constitución da organización neste territorio, pendente aínda de dar a coñecer a composición completa da súa promotora.

Comentarios