Podemos Galicia urxe Sumar e Esquerda Unida a un acordo de coalición

O secretario xeral de Podemos lamenta que a proposta formulada ás outras dúas organizacións pola súa formación continúe sen resposta.

Borja San Ramón, un dos candidatos a liderar Podemos Galicia (Foto: Podemos Galicia).
photo_camera Borja San Ramón (Foto: Podemos Galicia).

O secretario xeral de Podemos na Galiza, Borja San Ramón, considera que “urxe xa” lograr un “acordo de coalición” entre o seu partido, Sumar e Esquerda Unida de cara ás eleccións galegas de 2024. En declaracións a Nós Diario, San Ramón indica que o resto de formacións políticas “xa teñen candidato” e xa están mergulladas na “precampaña”.

Porén, recoñece, a proposta formulada por Podemos ás outras dúas organizacións a mediados de novembro para estabelecer unha coalición de cara a eses comicios continúa sen resposta. “A única proposta riba da mesa feita até o de agora é a nosa”, manifesta, “e continúa sen resposta” oficial por parte das outras partes interpeladas.

Unha resposta que non será inminente, tendo en conta que esta terza feira Sumar paralizaba as conversas con Podemos para os comicios na Galiza de 2024. Para o secretario xeral de Podemos Galicia, “se Sumar quere algo de Podemos, debe responder a esa proposta” para pechar unha coalición a tres, proporcional.

Candidata

A respecto das informacións que sitúan a ex secretaria xeral estatal de Igualdade, Ángela Rodríguez ‘Pam’ como candidata de Podemos Galicia ás eleccións á Xunta, San Ramón dixo que a formación “non está falando de candidatos” nestes momentos, mais cualificou Rodríguez, “á que coñezo desde 2014”,  de “activo político valeroso”.

Sobre as declaracións da secretaria xeral de Podemos a nivel de Esyado, Iole Belarra esta cuarta feira, dicindo que a dirección territorial da Galiza ten autonomía para decidir o que máis lles convén á súa xente; San Ramón indicou que esta autonomía plásmase na proposta formulada a Sumar e Esquerda Unida para un acordo “completo” de cara aos comicios galegos de 2024.

Comentarios