Pontón ve nas municipais o primeiro paso para abrir un tempo novo na Galiza

A portavoz nacional fixa como reto avanzar nas eleccións locais para estender os gobernos municipais do BNG, "exemplos de xestión que melloran a vida da xente".

Ana Pontón este sábado durante o Consello Nacional BNG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón este sábado durante o Consello Nacional BNG (Foto: Nós Diario).

O Bloque Nacionalista Galego celebrou este sábado o Consello Nacional, o máximo órgano entre asembleas, no que fixaron como reto prioritario preparar as eleccións municipais para "aumentar a nosa presenza en vilas e cidades de todo o país", tal e como demandou na súa intervención a portavoz do BNG, Ana Pontón.

Pontón puxo en valor "a súa mellor carta de presentación" para conseguir ese avance: os gobernos municipais do BNG, "exemplos de que é posíbel transformar en positivo e mellorar a vida da xente".

Ademais, a nacionalista lanzou unha mensaxe á militancia para traballar "desde xa" para "abrir un tempo novo e poñer en marcha a Galiza en grande que nos merecemos", e insistiu en que as eleccións municipais son "a primeira oportunidade para facelo".

No seu discurso, do que informou o BNG nun comunicado, Pontón tamén fixo referencia á actual situación económica. Sinalou que o último dato do IPC "subiu máis na Galiza que no resto do Estado", a pesar de que o país conta con "as segundas pensións máis baixas e os salarios tamén están á cola".

Nesta mesma liña, Pontón volveu insistir na necesidade dunha tarifa eléctrica galega e un cambio de lexislación que poña fin aos beneficios do "lobby eléctrico".

Neste contexto, a líder nacionalista criticou que "nin Feijóo nin o PP son a solución, senón parte do problema" e postulou ao BNG como alternativa aos populares galegos con "traballo serio, propostas en positivo a favor de Galicia, honestidade, política con maiúsculas e seguir ampliando a nosa base social".

Crise interna do PP

A portavoz nacional tamén fixo referencia durante a súa intervención ante o Consello Nacional á guerra interna que saíu á luz esta semana no Partido Popular. Ana Pontón asegurou que se comproba así que "a corrupción no PP non se conxuga en pasado, senón en presente. É a marca do Partido Popular".

Pontón cualificou de "gravísimo" o que se está vendo nos últimos días e acusou ao líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo de "sinalar o dedo e non a lúa" porque "no canto de reclamar que a Fiscalía investigue o caso, o que pide é que os trapos sucios se laven dentro de casa".

Por último, a portavoz do BNG sentenciou que "mentres Feijóo dá consellos sobre como apagar incendios en Genova 13, os problemas en Galicia non deixan de medrar".

Comentarios