Análise

Crónica dunha volta anunciada en Ourense

O PP anunciou a súa incorporación "temporal" á xunta de Goberno para evitar unha "parálise". O retorno non sorprendeu ninguén na cidade de Ourense.
Gonzalo Pérez Jácome e José Manuel Baltar. (Foto: Europa Press)
photo_camera Gonzalo Pérez Jácome e José Manuel Baltar. (Foto: Europa Press)

O retorno dos populares ao Goberno local de Ourense non sorprendeu ninguén na cidade. Democracia Ourensá e Partido Popular botaron semanas negociando a volta  desta última formación e só a insistencia de José Manuel Baltar por conseguir un oco no novo Executivo para os concelleiros tránsfugas do grupo de Gonzalo Pérez Jácome atrasou o acordo. A negativa do alcalde a acoller no Goberno os seus antigos compañeiros de candidatura adiou a formalización do pacto até antonte a última hora, cando os populares fixeron pública a súa intención de incorporarse de novo ao Executivo municipal.

A decisión do Partido Popular explícase en tres chaves. Por unha banda, as presións dun dos poderes económicos da cidade interesados en sacar adiante nesta lexislatura un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do que dependen operacións urbanísticas de moito diñeiro. Por outro lado, ducias de contratas de diversos servizos municipais privatizados continúan en situación de prórroga, á espera de saír a concurso, cos correspondentes movementos entre os grupos empresariais que aspiran á xestión dos mesmos. Por último, está o control do pau de palleiro sobre o que se articula o dominio político das comarcas ourensáns, a Deputación que Baltar tenta amarrar de cara ao seguinte período.

O PXOM como argumento

Os contidos do PXOM xa estiveron no centro da ruptura do Goberno de Ourense no mes de agosto. Naquela altura, o propio Jácome non dubidou en sinalar que “a ninguén se lle escapa que detrás de certos movementos agóchanse intereses económicos espurios que sempre gobernaron esta cidade. A miña loita céntranse en evitar pelotazos urbanísticos, léase PXOM, así como concesións infladas. Non a todos gusta”. As declaracións do rexedor, após a aprobación provisional co seu voto do conflitivo PXOM, puxeron negro sobre branco ás diverxencias a respecto de determinados  proxectos urbanísticos que enfrontaron os socios.

Ourense ten pendente a concesión de determinados contratos millonarios de servizos municipais privatizados. Así, entre estes atópanse o mantemento de parques e xardíns por preto de 1,7 millóns de euros pero tamén o servizo de transporte urbano, de recollida de lixo, de limpeza, de augas e saneamento e de regulación de semáforos.

As contías en xogo nestes contratos que deben saír a concurso público ao atoparse a súa xestión prorrogada están moi presentes no paso adiante dos populares, conscientes de que a capacidade de influencia nos procedementos pasa pola súa incorporación ao Goberno local.

A debilidade de José Manuel Baltar favorece a operación. En primeiro termo, ten medo a perder a Deputación na vindeira lexislatura e busca gañar de novo o favor de Jácome para manterse no cargo, unha vez que non ten conseguido desbancalo da alcaldía. En segundo lugar, precisa de lexitimidade nun partido cuxo liderado herda do pai e conseguir o favor dunha militancia cada día máis desencantada das súas formas e do seu estilo. E, por último, necesita colocarse nunha mellor posición para afrontar a sucesión de Feixoo sen ser relevado da súa responsabilidade á fronte do PP na circunscrición.

Os grandes derrotados son os concelleiros de Democracia Ourensá que abandonaron a Jácome. O grupo de edís tránsfugas liderados por Miguel Caride fican sen marxe de xogo na corporación e amortizados, unha vez que se separaron de Jácome e deixaron de ser útiles a Baltar.
 

Comentarios