Conflito aberto no Partido Popular da Coruña, Compostela e Ourense

A pugna polos liderados divide o PP nas cidades

A nova dirección dos populares galegos ten por diante pór a punto o partido para enfrontar as eleccións locais de 2023. Neste contexto cobra especial urxencia elixir as candidatas e candidatos da formación nas cidades, onde a conflitividade interna manda na vida de boa parte das agrupacións locais. O congreso local do PP de Santiago de Compostela é a primeira proba de lume.

Borja Verea intervindo no acto do PP de Compostela de 5 de decembro de 2021.(Foto:Europa Press)
photo_camera Borja Verea intervindo no acto do PP de Compostela de 5 de decembro de 2021.(Foto:Europa Press)

O Partido Popular vive instalado no conflito e na interinidade en boa parte das cidades galegas. Agás en Pontevedra, onde se dá por feita a candidatura do actual voceiro, Rafael Domínguez; e en Vigo, con Marta Fernández-Tapia como candidata in pectore tras imporse nun conflitivo congreso local ao ex conselleiro, Javier Guerra; o resto dos principais núcleos de poboación teñen por diante nos vindeiros meses o proceso de renovación orgánico e a elección do cabeza de cartel para as municipais.

A fronte compostelá

A principal fronte de conflito está situada neste momento en Santiago de Compostela,  entre o candidato "oficialista", Borja Verea, e a alternativa dos antigos pilladistas, Fernando Mayo. Precisamente, un e outro oficializaron esta terza feira a súa proposta para o congreso que os populares composteláns realizarán o 14 de maio. Fontes das dúas candidaturas, en declaracións a Nós Diario, coincidiron en sinalar que o congreso se trata dun proceso aberto onde calquera pode gañar. Neste sentido, explícase o chamado de Verea á unidade na presentación da súa lista.

A situación non pinta mellor na Coruña cunha guerra aberta entre as familias do partido por controlar a candidatura das municipais de 2023. A un lado, o sector da voceira municipal, Rosa Gallego, non renuncia a situala como cabeza de cartel. Opinión diferente mantén o grupo nucleado arredor do senador do PP Miguel Lorenzo, sempre atendo ás indicacións de Romay Becaría. Neste escenario, ábrese a vía do presidente da Autoridade Portuaria da cidade, Martín Fernández Prado, concelleiro responsábel de Urbanismo durante a alcaldía de Carlos Negreira.

O caso ourensán

Ourense presenta un PP en fóra de xogo após os cambios de posición seguidos en relación co Goberno de Xácome e as diferenzas dunha parte das concelleiras e concelleiros con aqueles próximos a Baltar. A dimisión a mediados da lexislatura do anterior alcalde e candidato, Jesús Vázquez, facilita a José Manuel Baltar impor a unha persoa da súa confianza como cabeza de cartel, porén a operación non vai estar exenta de problemas.

Ramón Carballo será o candidato do PP en Lugo agás que un merlo branco o aparte da cabeza de lista, algo que non parece probábel coas expectativas electorais actuais da formación na cidade. Neste sentido, semella descartada a opción da eterna promesa da dereita luguesa, Quique Rozas, e do novo aspirante, Antonio Meijide.

Martina Aneiros ou Jose Manuel Rey

A situación de Ferrol presenta unhas circunstancias particulares. Malia que o nomeamento da concelleira Martina Aneiros como delegada da Xunta na comarca dá pé a pensar no seu posíbel lanzamento como cabeza de lista para as locais, tampouco se descarta que volva intentalo o ex conselleiro e antigo alcalde ferrolán José Manuel Rey.

Comentarios