28-M

As eleccións municipais na Coruña, a debate en 'Nós Diario'

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Continuamos coa Coruña recollendo as opinións da alcaldesa e candidata do PSdeG á reelección, Inés Rei; o candidato do PP, Miguel Lourenzo, a do BNG, Francisco Jorquera, o alcaldábel pola Marea Atlántica, Xan Xove e o cabeza de lista de Por Coruña, José Manuel Sande.
Xan Xove, Miguel Lourenzo, Inés Rei, Francisco Jorquera e José Manuel Sande (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xan Xove, Miguel Lourenzo, Inés Rei, Francisco Jorquera e José Manuel Sande (Foto: Nós Diario).

A cidadanía coruñesa, ao igual que o resto da cidadanía galega, ten unha cita coas urnas o vindeiro 28-M. Nos últimos procesos electorais a cidade da Coruña vén experimentando múltiples cambios de rexedores. O PsdeG é o principal partido de goberno na actualidade con Inés Rei á fronte, algo que busca revalidar este 28-M. Fronte a ela terá o candidato do PP. Miguel Lourenzo, o do BNG, Francisco Jorquera, o da Marea Atlántica, Xan Xove e o de Por Coruña, José Manuel Sande.

Co obxectivo de coñecer de primeira man os programas e propostas das principais candidaturas, Nós Diario contacta tanto con todas as persoas alcaldábeis á cidade da Coruña.

Inés Rei: "A cidade está mellor agora que hai catro anos"

A actual rexedora da cidade herculina, a socialista Inés Rei puxo en valor na entrevista os seus catro anos de goberno na Coruña. Para ela, a cidade está agora mellor do que hai catro anos.

“Nestes catro anos, sentamos as bases dun novo modelo de cidade que vai na liña das grandes cidades europeas, unha cidade que gaña espazo para os cidadáns e aposta por novas formas de mobilidade sostíbel, con máis de 300 actuacións en todos os barrios da cidade e gañando 55.000 metros cadrados para os cidadáns”, manifestou a alcaldesa.

Miguel Lourenzo: "Somos a cidade máis insegura, os delitos aumentaron 40% en cinco anos"

O candidato popular ao bastón de mando na Coruña, Miguel Lourenzo, explicou o seu programa e salientou que, na súa opinión, a cidade é unha das máis inseguras.

“Somos a cidade da Galiza onde se cometen máis delitos, os barrios están sucios e hai un grave problema de vivenda pola falta de vontade política e pola lentitude na tramitación de licenzas para obra nova, rehabilitación ou simplemente instalar un ascensor”, indicou Lourenzo.

Francisco Jorquera: "Este Goberno especializouse en incumprir os acordos asinados coa oposición"

Pola súa parte, o candidato nacionalista á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, puxo en valor o seu programa de cara ao 28-M e criticou os “incumprimentos” da alcaldesa coa oposición.

“É un Goberno sen un proxecto claro de cidade nun tema chave como é o futuro da fachada marítima: nin se deron pasos para a constitución dun consorcio nin se conseguiu o compromiso do Estado de condonar a débeda que pesa sobre a Autoridade Portuaria, compromiso que si tivo o Goberno central saldando o débito do porto de València”, sinala Jorquera.

Xan Xove: "Se gaño, como Ferreiro, sairei á praza ofrecer o bastón de mando á veciñanza"

Quenda da Marea Atlánticada man do seu alcaldábel, Xan Xove que explicou na entrevista as súas propostas que implementará de gañar as elecións municipais.

“Os avances deste mandato chegaron a través de acordos coa Marea: escolas infantís de balde, vivendas públicas como as de Pontejos e programas como Mover os Baixos para tentar revitalizar o comercio local, bicicletas eléctricas para Bici Coruña, Bono Cultura…”, apunta Xove.

José Manuel Sande: "O mandato de Inés Rei foi moi decepcionante"

Finalmente, o cabeza de lista de Por Coruña, José Manuel Sande, puxo de manifesto as súas propostas de medidas para este 28-M e criticou o mandato de Rei.

“O Goberno da cidade desperdiciou unha etapa na que as necesidades derivadas dun tempo complexo, agravado pola pandemia e a guerra en Ucrania, e a actitude dunha oposición absolutamente entregada, terían permitido o paso a outra perspectiva, a unha renovación do concepto mesmo dos servizos sociais”, indicou Sande.

Comentarios