Candidato de Por Coruña

José Manuel Sande: "O mandato de Inés Rei foi moi decepcionante"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. José Manuel Sande é o candidato da coalición Por Coruña á Alcaldía da Coruña.
O candidato de Por Coruña á Alcaldía da cidade (Foto: Cedida)
photo_camera O candidato de Por Coruña á Alcaldía da cidade. (Foto: Nós Diario)

—Que balance fai desta última lexislatura con Inés Rei á fronte do Goberno da Coruña? Como mudou a cidade neste tempo?
O mandato foi moi decepcionante. As esperanzas que puidese haber nun Goberno sen moita experiencia, viñeron principalmente determinadas por tres feitos: a pandemia, que dinamitou a metade da etapa, desaproveitada na parte de planificación que lles correspondía; a ausencia dun proxecto definido, o que levou a que os escasos logros estean baseados en dependencias alleas (aprobacións de proxectos procedentes doutras administracións) e a insólita crise interna dun goberno en minoría enfrontado publicamente entre si e que sustenta a xestión en moi poucas mans, externalizando de xeito arbitrario a acción sobre a cidade. Como consecuencia, as posíbeis mudanzas foron tan escasas como superficiais.

Deben de enfrontarse retos que agora non teñen resposta

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu Goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
A cidade ten a obriga de achegar solucións a unha cuestión gravísima, o acceso á vivenda. Dúas das forzas que forman parte de Por Coruña veñen de aportar unha nova Lei de Vivenda, a primeira da democracia.

Ademais deben de enfrontarse retos que agora non teñen resposta: un porto aberto, de uso público e non especulativo; a toma de decisións sobre novos conflitos urbanísticos; o reto da Intermodal e a transformación da mobilidade; a necesidade doutras estratexias de participación e inclusion da cidadanía; as accións decididas contra a crise medioambiental e as necesidades da poboación; a defensa a ultranza dos servizos públicos e o regreso a un novo marco sociocultural.

—A falta de resolverse o recurso interposto polo Concello de Granada, A Coruña será a sede da Aesia. En que medida poden beneficiar estas instalacións á veciñanza coruñesa e da súa comarca? Que suporá para a cidade tornar no epicentro do desenvolvemento da intelixencia artificial no Estado?
Á espera de resolución dese recurso, é unha nova positiva e que debe incidir favorabelmente e de xeito clave en moitos ámbitos. Sucede que a propia concesión da sede foi unha sorpresa e cando un Goberno, como o actual, carece de planificación, non está preparado para xestionar algo así. Despois das eleccións teremos que poñernos mans á obra para convertirnos realmente nun centro (máis que simbólico) tecnoloxicamente avanzado e referente da intelixencia artificial. Agora mesmo temos mimbres académicos e económicos, en absoluto politicos.

—A da Coruña é, canda a de Vigo, a única área metropolitana do Estado español que aínda carece dun servizo de tren de proximidade. Cre que debería implantarse para mellorar a mobilidade na zona?
Desde logo é outro dos retos adiados, motivado pola polarización política e a ausencia histórica de políticas metropolitanas ou meramente de proximidade.

Coordinaremos a rede de transporte urbano e metropolitano para que sexa autenticamente eficaz

—Que outras actuacións é preciso acometer na cidade en materia de infraestruturas e mobilidade?
A mobilidade é o gran obxectivo da cidade. Debe integrarse na planificación urbanística. Vimos con propostas que fortalecerán as alternativas ao vehículo privado: fomento medios saudábeis, optimización dos medios de transporte colectivos e compartidos. A estación Intermodal é o equipamento esencial. Coordinaremos a rede de transporte urbano e metropolitano para que sexa autenticamente eficaz.

Seguiremos coa senda de peonalizacións, engadindo imprescindíbeis medidas complementarias para favorecer a actividade comercial. Son precisos Plans de dinamización ao respecto. E hai que facer todos os esforzos para acadar unha accesibilidade universal.

—Un dos principais retos do próximo Goberno será o novo contrato do transporte público. Que propón para mellorar o servizo? Precisa a cidade unha empresa pública que xestione os servizos en materia de mobilidade?
Unha empresa pública de transporte é a solución, pero tan importante como a fórmula son os obxectivos. Por iso impulsaremos unha empresa pública de transporte para renovar a flota e substituíla por vehículos non contaminantes e revisaremos a rede para adaptala ás necesidades actuais dos barrios e da futura estación intermodal.

Aplicaremos medidas áxiles, tan necesarias como urxentes, para a vivenda

—A vivenda segue a ser unha das principais preocupacións da cidadanía e, neste senso, A Coruña ten na actualidade perto de 20.000 vivendas baleiras, situación que o sector inmobiliario atribúe á falta de impulso das rehabilitacións. Que medidas adoptaría vostede neste eido?
Nós traballamos polo dereito á vivenda, polo tanto aplicaremos medidas áxiles, tan necesarias como urxentes. Sinalarei algunhas liñas principais: as axudas á rehabilitación, o control da vivenda turística e o aumento do parque de vivenda pública destinado ao aluguer. Todas enmarcadas nunha decisiva: a modificación do Plan Xeral.

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
A diagnose é negativa. O Goberno da cidade desperdiciou unha etapa na que as necesidades derivadas dun tempo complexo, agravado pola pandemia e a guerra en Ucrania, e a actitude dunha oposición absolutamente entregada, terían permitido o paso a outra perspectiva, a unha renovación do concepto mesmo dos servizos sociais.

Ninguén pode quedar fóra. É necesario que o Servizo de Atención ao Fogar teña xestión pública, aumentaremos os recursos á dependencia, aos maiores e á discapacidade, así como o impulso de políticas de inserción laboral.

Comentarios