Candidato da Marea Atlántica

Xan Xove: "Se gaño, como Ferreiro, sairei á praza ofrecer o bastón de mando á veciñanza"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Xan Xove é o candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña.

Xan Xove, candidato da Marea Atlánrica á Alcaldía da Coruña (Foto: cedida).
photo_camera Xan Xove, candidato da Marea Atlánrica á Alcaldía da Coruña. (Foto: Nós Diario)

—Que balance fai desta última lexislatura con Inés Rei á fronte do Goberno da Coruña? Como mudou a cidade neste tempo?
Podo resumilo nunha palabra: "Decepción". Inés Rei foi de farol en 2019, chegou dicindo que o que facía a Marea Atlántica estaba ben, que eran boas ideas, pero que facía falta que chegasen “os que saben xestionar” para pór a cidade en marcha. Prometeu que faría o mesmo que Xulio Ferreiro, pero mellor. Convenceu a moita xente de que o da Marea era un desastre, pero canto máis pasa o tempo, máis se ve que foi o único que ofreceu un modelo de cidade claro e de futuro. Por resumilo nunha frase: prometeu un ferry a Inglaterra e non fixo nin o carril bus en Juan Flórez.

Os avances deste mandato chegaron a través de acordos coa Marea: escolas infantís de balde, vivendas públicas como as de Pontejos e programas como Mover os Baixos para tentar revitalizar o comercio local, bicicletas eléctricas para Bici Coruña, Bono Cultura… que executaron tarde e mal e a desgana por non pórse a traballar. O malo é que cando non se aproveitan do modelo de cidade da Marea, volvemos ao dos anos 90.

E de aí o proxecto para unha urbanización desmesurada e anacrónica en San Pedro de Visma, nas Percebeiras ou na Agra de Santo Amar, a teima meter máis coches por Alfonso Molina a ver como de grande facemos o atasco, ou enterrar millóns en grandes eventos deportivos mentres nos pavillóns municipais se pasa frío. Da cultura mellor nin falemos, a situación anómala de non contar cunha concellería de cultura pasou factura: moita foto, moito evento pero o tecido cultural da cidade está totalmente abandonado. Bo exemplo disto é a dimisión de Miguelanxo Prado como director do festival de Viñetas dende o Atlántico.

Ao día seguinte das eleccións daría orde de comezar o traballo para a creación dunha Empresa Municipal de Transporte

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu Goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Faría o que fixo Xulio Ferreiro en 2015, saír á praza ofrecerlle o bastón de mando á veciñanza, porque desde o Goberno sempre estarei disposto a escoitar e a presar maior atención aos barrios que están quedando atrás. Falo dos barrios máis afastados do centro da Coruña, que neste mandato foron esquecidos por un Goberno que cualificamos como "cantonal" (centrado nos Cantóns). Logo, chamarei á Xunta, a Puertos del Estado, ao Ministerio de Fomento e á Autoridade Portuaria da Coruña e pedireilles que nos sentemos a falar dun novo ente público para liberar aos peiraos.

A partir do día seguinte, daría orde de comezar o traballo para a creación dunha Empresa Municipal de Transporte, que ten que estar lista en 2024, cando remate a concesión do bus á Compañía de Tranvías. Empezaría a redactar o proxecto para construír 250 vivendas públicas nos terreos municipais de Xuxán, e tamén o proxecto piloto de Renda Básica que porá á Coruña na vangarda da xustiza social. Collería o Mapa das Enerxías Renovábeis, outro acordo coa Marea que o PSOE tivo parado catro anos para presentar en precampaña, e comezaría a planear a produción de electricidade limpa en edificios municipais. impulsaría o operador público enerxético e, por suposto, tamén recuperaría a Concellaría de Cultura, despois do desastre deste mandato, no que houbo máis responsábeis desta área que políticas culturais reais.

—A falta de resolverse o recurso interposto polo Concello de Granada, A Coruña será a sede da Aesia. En que medida poden beneficiar estas instalacións á veciñanza coruñesa e da súa comarca? Que suporá para a cidade tornar no epicentro do desenvolvemento da intelixencia artificial no Estado?
A Coruña e o seu ecosistema de innovación ofrecen sobradas e indiscutíbeis razóns para acoller a sede da Aesia. Quen coñece a cidade, como a coñecemos nós, non necesita unha convocatoria competitiva para saber que era a decisión adecuada. Se esa convocatoria se fixo ben ou mal, é responsabilidade do Goberno do Estado. Sexa o que sexa o que determine o Supremo, dende a Marea Atlántica agardamos que A Coruña non resulte prexudicada.

Unha institución coma a Aesia serviría para consolidar ese ecosistema de innovación, e para liderar o desenvolvemento da intelixencia artificial desde unha perspectiva ética. É unha tecnoloxía con moitísimo potencial, pero coma toda tecnoloxía, depende para que se utilice. Podemos empregala para facilitar o desenvolvemento de tarefas mecánicas e aumentar a eficiencia de recursos para loitar contra a emerxencia climática, ou para achegarnos á semana laboral de catro días, como propoñemos desde a Marea Atlántica, ou haberá quen queira empregala para aumentar os beneficios das multinacionais. O traballo do Estado e as institucións ten moito que dicir sobre cara onde se decanta a balanza.

É fundamental recuperar a iniciativa metropolitana

—A da Coruña é, canda a de Vigo, a única área metropolitana do Estado español que aínda carece dun servizo de tren de proximidade. Cre que debería implantarse para mellorar a mobilidade na zona?
Si, desde logo. A Marea Atlántica forma parte da Plataforma en Defensa do Tren da Coruña–As Mariñas desde hai anos, e colabora activamente con ela. Existen vías desaproveitadas e sen uso, que permitirían conectar a cidade coa área metropolitana e que chegan até o centro, ao carón de Palexco, pero non se están a usar porque existe unha total carencia de investimento estatal nin autonómico no tren de proximidade na Galiza. O mesmo ocorre coas conexións ferroviarias a Ferrol e a Lugo, propias do século pasado. O Estado ten moitos anos de atraso que recuperar. É fundamental recuperar tamén a iniciativa metropolitana neste sentido, cando gobernou a Marea Atlántica impulsouse a chamada “Declaración de María Pita”, que buscaba que todos os concellos da contorna da cidade chegaran a consensos sobre unha mobilidade metropolitana, debemos recuperar esa senda.

—Que outras actuacións é preciso acometer na cidade en materia de infraestruturas e mobilidade?

Hai, sen dúbida, dous grandes proxectos pendentes: as reformas de Alfonso Molina e a Ponte da Pasaxe. Que son unha grande oportunidade e, ao tempo, unha decepción por como os está a enfocar o PSOE. Son dúas vías decisivas para a mobilidade na Coruña, que é de natural complexa, xa que a cidade se sitúa nunha península. Só por Alfonso Molina entran cada 120.000 vehículos. Non caben máis por moitos carrís que lle poñamos.

Renovar Alfonso Molina e a Pasaxe debería ser a oportunidade de transformar o acceso á Coruña e a autoestrada que agora parte a cidade. Con espazos para camiñar sen medo, áreas verdes, carril bus e VAO, ‘carril bici’ e outras medidas que poden estudarse. Pero non, o PSOE tráenos proxectos dos anos 90 que só pensan nos coches. Que sentido ten falar de adaptación á emerxencia climática e asinar protocolos, e logo proxectar isto? Non se pode falar en verde e facer en gris.

O que non é realista é pensar que podemos mudar a mobilidade deixándoa en mans dunha empresa privada

—Un dos principais retos do próximo Goberno será o novo contrato do transporte público. Que propón para mellorar o servizo? Precisa a cidade unha empresa pública que xestione os servizos en materia de mobilidade?

Claro que é necesaria, e fomos a primeira forza política en comprometernos claramente cunha Empresa Municipal de Transportes, 100% pública, intermodal e metropolitana. En 2024 temos unha oportunidade para  creala, cando remata a concesión do servizos do bus. Precisamos unha nova ferramenta, que lidere sen pedirlle permiso a ninguén a mobilidade do século XXI, que xestione o bus, BiciCoruña e os aparcamentos, entre outras cousas.

Agora é posíbel facela, porque xa nos libramos boa parte dos límites ao emprego público, superado o erro de atar aos Concellos a un austericidio, e hai sentenzas do supremo que avalan a municipalización de servizos, mantendo ao persoal. O que non é realista é pensar que podemos mudar a mobilidade deixándoa en mans dunha empresa privada coma Tranvías ou algunha das que están a ser investigadas polas súas actuacións no transporte metropolitano da Xunta.

Unha empresa pública tipo podería actualizar por fin o mapa de rutas do bus, que responde á Coruña dos 80, non á de hoxe. Podería renovar a frota de buses que leva sen tocarse desde 2016 e introducir vehículos menos contaminantes. E podería aplicar descontos a maiores de 65 e menores de 25 anos, entre outras cousas. Tamén podería reforzar BiciCoruña con máis medios, xa que como demostra o estudo que fixo a Marea Atlántica cunha app propia, se vives na contorna da rolda de Outeiro ou en Monte Alto, tes moitas posibilidades de non atopar bici en hora punta. Temos que rematar coas estacións de primeira e de segunda.

—A vivenda segue a ser unha das principais preocupacións da cidadanía e, neste senso, A Coruña ten na actualidade perto de 20.000 vivendas baleiras, situación que o sector inmobiliario atribúe á falta de impulso das rehabilitacións. Que medidas adoptaría vostede neste eido?

Na Coruña é imposíbel alugar. Levamos anos co prezo medio máis alto para vivir de alugueiro de todas as cidades galegas, 595 euros ao mes en marzo. E temos o dobre de pisos turísticos, 800, que en oferta para entrar a vivir. Todo o mundo ve menos Inés Rei, que rematou 2022 sen executar os 9 millóns de euros pactados coa Marea Atlántica en cuestión de vivenda.

O diagnóstico é evidente, pero as solucións son complexas. En vivenda non hai remedios máxicos. Pero podemos actuar xa e temos que actuar en moitos ámbitos. Temos que regular canto antes os pisos turísticos, coma se fai en Santiago e en moitas outras cidades, para que non secuestren as vivendas dispoñíbeis para alugar. Temos que fomentar a rehabilitación, por suposto. Este ano só se executaron o 30% dos fondos previstos en axudas para esta fin. E temos que mobilizar o solo municipal sen uso, coma as cinco parcelas que o Concello ten en Xuxán, para construír vivenda pública e para cederllas a cooperativas sen ánimo de lucro. Deste xeito, poderanse impulsar 250 vivendas en alugueiro accesíbel.

Outro problema, fáltannos datos: Falas de 20.000 vivendas baleiras, pero en realidade non sabemos cantas son. Ese dato sae dun estudo do INE de 2012, que non es volveu actualizar. O máis recente é un estudo do Concello, que se basea nos datos de consumo de auga, e que o máis que chega a afinar é a que temos entre 10.000 e 20.000 vivendas baleiras. Non sabemos cal é o seu estado, cantas están en ruínas ou cantas valen para vivir. Como tampouco sabemos realmente de cantas vivendas útiles dispon a Sareb na Coruña. Para afinar as políticas, temos que empregar o rigor e a precisión.

Con Xulio Ferreiro, A Coruña chegou a ser a cidade galega con maior investimento social por habitante

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?

Todas as entidades sociais coas que nos reunimos nos últimos meses din o mesmo. Houbo un deterioro considerábel. O programa de atención inmediata que se puxera en marcha no pasado mandato foi desmantelado, e os tempos de espera en servizos sociais aumentaron moitísimo.  Ana Louzao, da ONG Viraventos e compañeira na candidatura da Marea Atlántica, denuncia que hai persoas ás que se lles concedeu a Renda Social Municipal que levan máis dun ano agardando para cobrala. Non pode ser.

Con Xulio Ferreiro, A Coruña chegou a ser a cidade galega con maior investimento social por habitante, e traballaremos para que volva a selo. Aumentaremos os fondos, melloraremos a Renda Social Municipal para que sexa compatíbel coa Risga e o Ingreso Mínimo Vital e chegue a máis persoas. E implantaremos un proxecto piloto de Renda Básica na Coruña, seguindo o modelo dos que se están a desenvolver en Catalunya.

Comentarios