Candidato do BNG

Francisco Jorquera: "Este Goberno especializouse en incumprir os acordos asinados coa oposición"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Francisco Jorquera repite como candidato do BNG á Alcaldía da Coruña.

O candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera (Foto: Nós Diario).
photo_camera O candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera. (Foto: Nós Diario)

—Que balance fai deste último mandato con Inés Rei á fronte do Goberno da Coruña. Como mudou a cidade neste tempo?
Podemos dicir que houbo máis sombras que luces neste mandato. Un dato abonda para ilustralo: ao longo de catro anos, o Goberno Local só foi capaz de aprobar dous orzamentos (o de 2020 e o de 2022), e no capítulo de investimentos só foi quen de executar un de cada tres euros orzados. Estamos, por tanto, ante un Goberno ineficiente na xestión das contas públicas e que non soubo facer do Concello un elemento dinamizador da economía local, coas conseguintes repercusións, por exemplo, na creación de emprego. De resto, o Goberno Local non atendeu ben o día a día en cuestións básicas como a limpeza, a mobilidade, a vivenda ou a cultura.

É un Goberno sen un proxecto claro de cidade nun tema chave como é o futuro da fachada marítima: nin se deron pasos para a constitución dun consorcio nin se conseguiu o compromiso do Estado de condonar a débeda que pesa sobre a Autoridade Portuaria, compromiso que si tivo o Goberno central saldando o débito do porto de València.

Este é un Goberno sen visión da cidade na súa escala metropolitana nin como núcleo central dunha grande rexión ártabra A Coruña-Ferrol

Mais tampouco hai proxecto de cidade para facer da Coruña unha cidade verde —cunha planta de Nostián que continúa sen contrato e sen garantías de que o Estado vaia respectar o modelo húmido seco de recollida e tratamento do lixo ou con problemas gravísimos no servizo de limpeza que só o BNG tivo a valentía de denunciar—.

É un Goberno sen visión da cidade na súa escala metropolitana nin como núcleo central dunha grande rexión ártabra A Coruña-Ferrol. Nese sentido, é certamente de lamentar que estes catro anos fosen perdidos no que ten a ver coa necesaria creación da Área Metropolitana.

Por último, é un Goberno Local que se ten especializado en incumprir os acordos asinados coa oposición, o que mostra un preocupante talante antidemocrático, que tamén se ten manifestado na convocatoria de eventos propagandísticos en pleno período electoral, circunstancia que nos ten levado a presentar unha denuncia perante a Xunta Electoral.

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu Goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
O Goberno Local que se propón liderar o BNG a partir do 28 de maio ten basicamente como obxectivo darlle á cidade o impulso que precisa. A sociedade coruñesa ten enormes potencialidades e o que precisa é un Goberno Local que contribúa a crear as mellores condicións para desenvolver todo ese potencial.

As prioridades do Goberno Local que aspira a liderar o BNG son as mesmas da inmensa maioría das coruñesas e coruñeses: darlle un impulso á economía local, contribuír á xeración de emprego de calidade, mellorar significativamente a mobilidade, desenvolver políticas para baixar os prezos da vivenda e facer da Coruña a capital cultural da Galiza e unha cidade verde e limpa.

A cuestión clave da Aesia é o reforzo do proxecto da Cidade das TIC, que ten que ser apoiado con maior firmeza

—A falta de resolverse o recurso interposto polo Concello de Granada, A Coruña será a sede da Aesia. En que medida poden beneficiar estas instalacións á veciñanza coruñesa e da súa comarca? Que suporá para a cidade tornar no epicentro do desenvolvemento da intelixencia artificial no Estado?
A ubicación da Aesia na nosa cidade é unha boa noticia, máis polo papel que pode xogar á hora de atraer empresas que fortalezan o tecido empresarial vinculado ás tecnoloxías do coñecemento e á intelixencia artificial do que pola súa importancia intrínseca, ao ser unha axencia dedicada fundamentalmente á supervisión xurídica e cun número relativamente reducido de funcionarios.

Con todo, a cuestión clave é o reforzo do proxecto da Cidade das TIC. Un proxecto que ten que ser apoiado con maior firmeza por parte do Concello, a Xunta e o Estado —de aí as nosas emendas aos orzamentos formuladas no Parlamento galego e no Congreso— e que desde logo ten que ir ligado ao proceso de reindustrialización da cidade e a comarca.

—A da Coruña é, canda a de Vigo, a única área metropolitana do Estado español que aínda carece dun servizo de tren de proximidade. Cre que debería implantarse para mellorar a mobilidade da zona?
Desde logo que si. O BNG leva moito tempo a facer bandeira desta cuestión. O problema está na falta de vontade política por parte do Goberno do Estado, isto é, por parte do PSOE e Unidas Podemos, que votaron en contra da emenda que formulamos aos Orzamentos do Estado para 2023.

O asunto é que parte da infraestrutura necesaria xa existe. Pensemos que a liña Betanzos-A Coruña podería aproveitarse para crear servizos de proximidade que farían posíbel a conexión coa Coruña desde Betanzos, Guísamo, Cecebre, Cambre, A Barcala, O Burgo, Acea de Ama e Fonteculler, para desde As Xubias conectar co centro da cidade a través do tendido ferroviario do porto ou co Campus de Elviña e os polígonos industriais a través do ramal a San Cristobo.

Sería un ferrocarril de proximidade con servizos adaptados á nosa dimensión poboacional (o que se chama un tren-tran) e conectado con outras formas de transporte. Desde logo, un Goberno Local liderado polo BNG fará desta reivindicación un asunto central na axenda do necesario diálogo co Goberno central.

Infelizmente nos proxectos do Estado para os accesos á cidade só se pensa en clave de vehículo privado

—Que outras actuacións é preciso acometer en materia de infraestruturas e de mobilidade?
En materia de mobilidade, a aposta ten que ser polos medios de transporte menos contaminantes, o transporte público, a mobilidade peonil, o uso da bicicleta. Nese sentido, parécenos fundamental restabelecer o carril bus no interior da cidade e tamén implantalo nas vías de acceso —os chamados carrís VAO— quer na Vedra quer na Ponte Pasaxe. Infelizmente nos proxectos do Estado para os accesos á cidade —como tamén nos da Xunta para o acceso á ampliación do Hospital Público da Coruña— só se pensa en clave de vehículo privado.

Polo demais, o Estado ten que modernizar a conexión ferroviaria da cidade con Ferrol e Lugo e nese sentido temos que volver lamentar que as forzas que dan soporte ao Goberno central, PSOE e Unidas Podemos, votasen en contra das nosas emendas aos orzamentos nese sentido.

Obras de infraestruturas pendentes e tamén necesarias son a prolongación da Vía Ártabra até a A6 —no Parlamento galego o PP votou contra unha emenda nosa aos orzamentos da Xunta— e igualmente a prolongación do acceso ao porto exterior (a chamada cuarta rolda) —no Congreso PSOE e UP tamén votaron contra unha emenda do BNG aos Orzamentos do Estado—.

Somos partidarios da xestión directa do transporte urbano, após un estudo rigoroso do asunto

—Un dos principais retos do próximo Goberno será o novo contrato do transporte público. Que propón para mellorar o servizo? Precisa a cidade unha empresa pública que xestione os servizos en materia de mobilidade?
A conclusión do actual contrato de concesión do transporte público urbano á Compañía de Tranvías é unha oportunidade histórica. Xa no acordo de investidura que asinamos en 2019 co grupo municipal socialista incluímos o compromiso de estudar os distintos modelos de xestión, incluída a xestión directa. Nada se fixo ao respecto durante estes catro anos.

Somos partidarios da xestión directa, após un estudo rigoroso do asunto. E desde logo defendemos unha mudanza profunda do servizo que se está a prestar por parte da Compañía de Tranvías: renovación do mapa de liñas, modificación dos horarios para os axustar ás necesidades laborais da veciñanza, aumento das frecuencias, mellora das conexións dos barrios entre si e dos enlaces cos polígonos industriais.

E naturalmente a modernización da mobilidade haina que abordar a escala metropolitana. Non é sostíbel un modelo onde cada día entran na Coruña un número de vehículos que practicamente equivale ao parque móbil que xa hai na cidade. Hai que apostar pola mellora do bus metropolitano, mais tamén outras formas de transporte como o marítimo ou o xa mencionado ferrocarril de proximidade

—A vivenda segue a ser unha das principais preocupacións da cidadanía e, neste senso, A Coruña ten na actualidade perto de 20.000 vivendas baleiras, situación que o sector inmobiliario atribúe á falta de impulso das rehabilitacións. Que medidas adoptaría vostede neste eido?
O problema é que na Coruña non teñen política de vivenda nin a administración que ostenta a maior parte das competencias, a galega, nin a municipal. Que fará un Goberno local liderado polo BNG? Pois basicamente ser esixente coas administracións que teñen as competencias e, en particular, coa Xunta. Desde 2008 non hai oferta de vivenda de protección oficial merecente dese nome (só 40 vivendas en Xuxán polas que seguimos agardando).

E achego un dato: nos dous últimos anos do Goberno do bipartito na Xunta fixéronse máis vivendas públicas que na suma dos sucesivos gobernos de Feixoo e Rueda. Por certo, baixo a dirección dunha conselleira do BNG, Teresa Táboas, que era a titular de Vivenda. Mais tamén hai que ser esixentes co Goberno central. Celebramos a súa decisión de destinar as vivendas da SAREB a moradas sociais en aluguer. O que agardamos é que se leve á práctica, que non fique en propaganda electoral, dado que agardou a anunciar esta medida a que se convocasen eleccións.

Esta proposta púxoa sobre a mesa o BNG desde hai anos, tanto no Congreso como no Parlamento galego. E defendémola tamén no Concello. En xullo de 2020 e maio de 2021 aprobáronse mocións do BNG nas que se instaba o Goberno local a realizar xestións ante a SAREB para que cedese ao Concello os seus inmóbeis na Coruña para a súa transformación en vivendas sociais.

Por iso o Concello ten que facer xestións para incorporar os inmóbeis da SAREB a un parque de vivendas para as ofertar en aluguer. Pero tamén nos comprometemos a utilizar as ferramentas que ten o  Concello: velando por que se constrúa, si, pero con xeito, respectando os valores paisaxísticos e culturais, apostando decididamente pola rehabilitación, regulando as vivendas de uso turístico e incrementando o parque municipal de vivendas para as ofertar en aluguer.

En definitiva, non é de recibo que levemos xa dous mandatos agardando polas 40 vivendas de Xuxán e as 5 de Marqués de Pontejos.

Falta vontade política para avanzar cara unha Coruña inclusiva e cohesionada

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a situación?
O que fai falta é xustamente ter iso, unha diagnose. E por iso xa no propio Acordo de Investidura propuxemos a elaboración dun Plan de Inclusión Social, como tamén a reforma da Renda Social Municipal e a Axuda de Emerxencia Social.

O asunto levámolo varias veces a Pleno, mais o Goberno Local continúa sen se dotar dun plan que determine cales son as necesidades reais das coruñesas e coruñeses en materia de política social e que funcione como ferramenta imprescindíbel para coordinar todas as áreas do concello, desde os departamentos de Emprego e Contratación até os directamente vinculados cos Servizos Sociais.

E logo fai falta vontade política para avanzar cara unha Coruña inclusiva e cohesionada, comprometida na loita contra as desigualdades —que aumentaron significativamente durante estes catro anos— e calquera forza de exclusión.

E para iso é imprescindíbel termos un Goberno local que dea prioridade ás políticas de benestar e inclusión, fortaleza os servizos públicos e as políticas sociais, acabe coa diferenza entre barrios ricos e pobres e apoie decididamente as entidades do terceiro sector.

Comentarios