Alcaldesa e candidata do PSdeG á reelección

Inés Rei: "A cidade está mellor agora que hai catro anos"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Inés Rei, alcaldesa da Coruña, repite nestas eleccións e optará de novo á Alcaldía como candidata do PSdeG-PSOE.
Inés Rei, alcaldesa da Coruña e candidata á reelección polo PSOE (Foto: PSOE)
photo_camera Inés Rei, alcaldesa da Coruña e candidata socialista á reelección. (Foto: PSOE)

—Que balance fai desta última lexislatura á fronte do Goberno da Coruña? Como mudou a cidade neste tempo?
Penso que o balance xeral destes últimos catro anos é positivo para a cidade, hoxe todos podemos compartir que a cidade está mellor que hai catro anos. Tal e como me comprometín, foi un mandato marcado polo diálogo coa propia cidade e coas diferentes Administracións e isto foi o que nos permitiu desbloquear proxectos históricos que levaban anos estancados como a posta en marcha da estación intermodal, o enlace ferroviario a Punta Langosteira, a pasarela de Predralonga, a ampliación de Alfonso Molina ou o dragado da ría do Burgo.

Ademais, nestes catro anos, sentamos as bases dun novo modelo de cidade que vai na liña das grandes cidades europeas, unha cidade que gaña espazo para os cidadáns e aposta por novas formas de mobilidade sostíbel, con máis de 300 actuacións en todos os barrios da cidade e gañando 55.000 metros cadrados para os cidadáns. Mais tamén marcamos o horizonte do desenvolvemento económico futuro da cidade apostando pola cidade das TIC e coa consecución da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia).

O noso obxectivo é facer que A Coruña avance como o está a facer, que volva ser unha referencia nacional e internacional

—No caso de continuar na Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Temos un proxecto para A Coruña dos próximos 10 anos, neste mandato sentamos os cimentos do noso proxecto para a Coruña do futuro. O noso obxectivo é facer que A Coruña avance como o está a facer, que volva ser unha referencia nacional e internacional, unha cidade atractiva en termos económicos e en calidade de vida gañando espazos para os cidadáns e sempre reforzando as políticas sociais para non deixar ninguén atrás.

O noso proxecto para A Coruña do futuro é a consolidación da Aesia e da Cidade das TIC, máis tamén o da finalización desa ronda peonil que unirá toda a cidade, a chegada das estacións de bici Coruña a todos os barrios, a nova intermodal e reforma integral de todo o entorno e a da definición do futuro da fachada litoral unha vez que neste mandato conseguimos o mais importante, a chegada do tren ao porto exterior e a apertura dos peiraos á cidadanía.

—A falta de resolverse o recurso interposto polo Concello de Granada, A Coruña será a sede da Aesia. En que medida poden beneficiar estas instalacións á veciñanza coruñesa e da súa comarca? Que suporá para a cidade tornar no epicentro do desenvolvemento da intelixencia artificial no Estado?
O principal punto forte de que A Coruña fose escollida como sede da Aesia é que nos consolida como o polo tecnolóxico de referencia na Galiza e chave en España. Ademais, é a primeira sede estatal destas características a nivel europeo, polo que A Coruña será a primeira cidade en desenvolver un organismo de intelixencia artificial.

Iso colócanos xa de por si nunha situación privilexiada de cara ás empresas TIC de todo o continente tendo un grande impacto económico, pero ademais a posta en marcha da Aesia prevé, nas primeiras estimacións, a captación de máis de 90 millóns de euros en inversións e fondos xunto con máis de 1.300 postos de traballo, novas liñas e proxectos de investigación que recalarán non só na cidade ou na comarca, senón en toda a Galiza.

A Xunta, con competencias exclusivas na materia, non impulsou nestes catro anos a creación dun consorcio de transporte que permitise mellorar as conexións

—A da Coruña é, canda a de Vigo, a única área metropolitana do Estado español que aínda carece dun servizo de tren de proximidade. Cre que debería implantarse para mellorar a mobilidade na zona?
A mellora da mobilidade na área é un dos grandes retos pendentes. A Xunta, con competencias exclusivas na materia, non impulsou nestes catro anos a creación dun consorcio de transporte que permitise mellorar as conexións e ofrecer un mellor servizo de transporte a todos os cidadáns da área. Nós apostamos por potenciar  todas as formas de mobilidade alternativas ao vehículo privado e o tren é unha delas e incluso estamos a traballar cos concellos da área na posta en marcha dun transporte de ría.

—Que outras actuacións é preciso acometer na cidade en materia de infraestruturas e mobilidade?
Neste mandato puxemos en marcha máis de 300 actuacións nos diferentes barrios. Moitas delas vinculadas á creación ou reforma de espazos para os coruñeses e coruñesas como o centro García Sabell, o Remanso, as Naves do Metrosidero ou a apertura do Centro Deportivo do Castrillón, unha demanda histórica dos veciños e veciñas do barrio que tardou case dúas décadas en saír adiante. Tamén a posta en valor dos nosos mercados como a reforma do mercado de Durmideiras, a reurbanización do espazo exterior do Mercado de San Agustín ou o mercado de Monte Alto con 10 millóns de euros, o investimento máis alto da historia do barrio.

Hai unhas semanas fechamos o prazo do concurso de ideas para o mercado de Santa Lucía, unha das actuacións máis demandadas e que acometeremos no vindeiro mandato así como a maioría dos 17 proxectos que foron recoñecidos polos Goberno español para a concesión dos fondos Next Generation nesta segunda convocatoria, 9 millóns de euros. Entre eles a Urbanización da avenida da Sardiñeira, as escaleiras mecánicas en Adelaida Muro e Pintor Villar Chao ou a mellora de accesibilidade ao Centro Oncolóxico e que nos permiten seguir avanzando na consolidación do modelo de cidade que comezamos este ano.

Os roteiros e as liñas de autobús, aínda que melloraron, son as que había hai 30 anos

—Un dos principais retos do próximo Goberno será o novo contrato do transporte público. Que propón para mellorar o servizo? Precisa a cidade unha empresa pública que xestione os servizos en materia de mobilidade?
A concesión do bus actual finaliza no ano 2024. Os roteiros e as liñas, aínda que melloraron, son as que había hai 30 anos. Para a nova concesión empezaremos xa este mesmo verán un proceso participativo para recoller as demandas e as sensibilidades da cidade e convocar un novo concurso para que servizo que supoña unha renovación e mellora integrais tanto da frota de vehículos como da distribución de liñas, que darán servizo aos novos barrios, aos polígonos, e que terán como obxectivo reducir os tempos de paso e mellorar a mobilidade na cidade e as súas conexións coa área grazas tamén á nova estación intermodal.

—A vivenda segue a ser unha das principais preocupacións da cidadanía e, neste sentido, A Coruña ten na actualidade perto de 20.000 vivendas baleiras, situación que o sector inmobiliario atribúe á falta de impulso das rehabilitacións. Que medidas adoptaría vostede neste eido?
Penso que ninguén pode dicir que neste mandato non se apoiou a rehabilitación de vivendas. Sen ir máis lonxe, este mesmo ano aprobamos un investimento de 5,3 millóns de euros para axudas na rehabilitación de vivendas dobrando case o orzamento que dedicabamos cada ano. Iso súmase aos seis millóns de euros que recibimos da primeira convocatoria dos Fondos Next Generation que se van destinar a traballos en catro Entornos Residenciales de Rehabilitación Programada (ERRP) na Cidade Vella, Pescadaría, Casas de Franco, grupo de vivendas de María Pita e o Barrio das Flores, a zona prioritaria para os investimentos.

Fomos o primeiro concello da Galiza en pór en marcha un Plan de Recuperación Económica e Social

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
A aposta polos servizos sociais neste mandato penso que é incuestionábel. Comezando polo propio contexto que nos tocou vivir, cunha pandemia que marcou a axenda política e tamén económica dos concellos facendo fronte a unha crise sen precedentes. Nós fomos o primeiro concello da Galiza en pór en marcha un Plan de Recuperación Económica e Social, o Presco, que nas súas dúas convocatorias contou cunha dotación orzamentaria de 20 millóns de euros exclusivamente municipais.

Tamén puxemos en marcha unha medida pioneira como a gratuidade das escolas infantís, dúas medidas replicadas despois por outras Administracións. Ademais, aprobamos o orzamento máis social da historia, con 30 millóns de euros destinados a políticas sociais e convenios con asociacións, incrementando programas como as bolsas comedor que hoxe benefician máis de 2.000 familias. E atendemos os maiores, recuperando actividades nos centros cívicos no marco do programa 'Coruña Acompaña', para a prevención e atención da soidade non desexada que se complementan cos 9,5 millóns de euros no Servizo de Atención no Fogar, que licitamos por lotes, cun mellor control de distribución por zonas e mellora da calidade do servizo que hoxe presta atención a 1.200 persoas usuarias.

Comentarios