A dirección do PSdeG non é partidaria de entrar no Goberno de Compostela

Formoso anunciou para o próximo mes de setembro a convocatoria de eleccións primarias para elixir o candidato socialista á Xunta

Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, intervén ante o Comité Nacional dos socialistas. (Foto: Europa Press)
photo_camera Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, intervén ante o Comité Nacional dos socialistas. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, explicou este domingo que a dirección da formación non é partidaria de entrar no Goberno de Compostela pero garante que os socialistas apoiarán os "bos proxectos".

Así o sinalou durante a súa intervención ante o Comité Nacional do PSdeG, o máximo órgano do partido entre congresos e para o que se acreditaron máis de 200 persoas, foro perante o que destacou que o pacto co BNG para favorecer a investidura de alcaldes progresistas o vindeiro sábado, día 17 de xuño, está avanzado.

"Temos un pacto avanzado que evoluciona da mellor maneira, no que garantimos as dúas forzas que o progresismo estea nas Alcaldías", sostivo para citar o caso de Compostela, onde os socialistas avanzaron que apoiarán a investidura da nacionalista Goretti Sanmartín.

Dito isto, asegurou que para a formación foi un "mal trago" perder a Alcaldía de Compostela, despois dun Goberno do "sentido común" capitaneado por Xosé Sánchez Bugallo. "Ter que afrontar a perda do goberno da capital da Galiza non é fácil, por moi progresista que sexa a opción que opta á Alcaldía", dixo.

A continuación, Formoso sinalou que a decisión sobre a entrada ou non no Goberno municipal será "acordada" co grupo municipal e nela "prevalecerán os intereses da cidade e do PSdeG".

Con todo, incidiu en que "a conclusión inicial" á que chega a dirección do PSdeG é que "non entrar é a opción principal". "Pero o que ten que ter claro a cidadanía é que o PSdeG vai estar á altura e que nunca un bo proxecto para a cidade vai deixar de se realizar porque non teña apoio do PSdeG", apuntou.

O nome para a Xunta, en setembro

O secretario xeral do PSdeG tamén anunciou para o próximo mes de setembro a convocatoria de eleccións primarias para elixir o candidato socialista á Xunta da Galiza.

Formoso aproveitou a súa intervención no comité nacional do PSdeG para facer o seu anuncio: "Anúnciovolo con tempo e sen trampas", sostivo, lembrando que el mesmo comprometeuse a convocar este proceso co tempo suficiente para que todo o que queira se poida presentar ao proceso.

Comentarios