BNG e CA inician o deseño do programa para un Goberno conxunto en Compostela

Goretti Sanmartín asegura que a man estará tendida para os socialistas durante todo o mandato

Goretti Sanmartín e María Rozas, esta cuarta feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Goretti Sanmartín e María Rozas, esta cuarta feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego e Compostela Aberta (CA) acordaron esta cuarta feira iniciar o deseño do programa para o acordo de goberno no Concello de Compostela tras as eleccións municipais do 28 de maio e fixeron un chamamento ao PSdeG para sumarse ao pacto.

Así o comunicaron as portavoces de cada formación no Consistorio da capital galega, Goretti Sanmartín (BNG) e María Rozas (CA), durante o transcurso dunha reunión para abordar este acordo de Goberno á que tamén asistiron parte do BNG Míriam Louzao e Pilar Lueiro, e por parte de CA Xan Duro, Miguel Penas e Concha Fernández.

En declaracións a xornalistas após a xuntanza, Goretti Sanmartín explicou que CA trasladou oficialmente a intención de comezar a dialogar para facer un pacto de goberno “e desde o BNG agradecemos esta disposición para traballar conxuntamente polo Concello de Santiago de Compostela cun Goberno transformador” que se poña en marcha “desde o primeiro día”.

Nese sentido, comezaron a deseñar o programa dese acordo de goberno “sen dilatar tempos, de maneira intensa e necesaria para avanzar” e coa intención de que entre en funcionamento a partir do 17 de xuño, data da constitución da nova Corporación local. Neste encontro falaron de modelo de cidade, transformación urbana e necesidades reais da poboación.

“Como representante do BNG quero manifestar o noso agradecemento por esa vontade que entendemos que se vai plasmar nese acordo de colaboración unha vez que o referenden as asembleas de cada unha das organizacións”, sinalou.

Chamamento ao PSdeG

A reunión desta cuarta feira tivo lugar despois de que na xornada da terza feira a asemblea de Compostela Aberta dese luz verde á negociación dun pacto co BNG. Ademais, na quinta feira o BNG reunirase co PSdeG local para continuar coas negociacións.

Neste sentido, Sanmartín fixo un chamamento ao PSdeG para que se una, ao entender que “é bo que Santiago de Compostela teña un acordo amplo, sólido e estábel para os próximos catro anos cos retos que temos por diante”.

Nos encontros da semana pasada, PSdeG e CA anunciaron o apoio para a investidura de Goretti Sanmartín como primeira alcaldesa de Santiago de Compostela na sesión do 17 de xuño e a vontade de proseguir as negociacións para conformar un Goberno maioritario de esquerdas na capital de Galiza.

Pola súa banda, María Rozas, que destacou a cordialidade do encontro, tamén se mostrou partidaria de que os socialistas entren no acordo. "Eu creo que temos que sumar todas as forzas progresistas, como piden a veciñanza de Compostela co seu voto nas urnas", afirmou a portavoz de Compostela Aberta, que subliñou que "o mellor Goberno é o Goberno máis amplo".

Repartición de áreas

Ambas as políticas explicaron que na reunión aínda non abordaron unha posíbel repartición de áreas, senón que, tal e como sinalou Sanmartín, polo momento as conversas céntranse en analizar "cuestións relacionadas en xeral co modelo de cidade, a transformación urbana, as necesidades reais e os temas que se activaron durante a campaña". "En canto teñamos o acordo máis perfilado, pois xa iremos facendo comparecencias e transmitíndoo sen ningún problema", sinalou.

Pola súa banda, María Rozas considerou que as conversacións van "polo bo camiño". "Acabamos de empezar pero estou segura de que temos capacidade para chegar a acordos", destacou. Traballaremos estes días sen dilatar os tempos para que haxa un acordo de goberno que plasme as políticas progresistas para o próximos catro anos", subliñou Rozas.

 

Comentarios