Monbus non cumpre as súas obrigas co transporte escolar

A Coruña acolleu esta cuarta feira unha protesta de traballadores do servizo de transporte polos "reiterados incumprimentos dos pregos por parte grupo Monbus". As súas reclamacións coinciden coas formuladas polos empresarios do transporte do sur da Galiza, mentres a Xunta mira para outro lado.
ConcentracionTransporteEscolar_03
photo_camera Concentración de condutores e acompañantes do transportes escolar de Monbus, onte, na Coruña. (Foto: Nós Diario).

Traballadoras e traballadores do servizo de transporte escolar, membros de ANPA de diversas localidades das comarcas coruñesas e colectivos sociais afectados polos recortes aplicados na liñas por Monbus mobilizáronse, convocados pola CIG, no día de onte, para "denunciar a precarización laboral que está a sufrir o persoal do servizo de acompañantes do transporte escolar e os reiterados incumprimentos dos pregos por parte grupo Monbus".

O responsábel do sector do transporte da CIG, Xesús Pastoriza, sinala a Nós Diario que "coa protesta tamén se quere esixir da Xunta da Galiza que abandone a súa postura de permisividade con esta empresa e adopte medidas de inmediato para obrigar Monbus a respectar as condicións laborais do persoal e a dispor dos medios necesarios para dar un servizo adecuado e en condicións de seguridade".

A situación denunciada polos traballadores e traballadoras do servizo de transporte escolar das áreas da Coruña, As Mariñas e Ferrol repítese noutras áreas da Galiza. A este respecto, o pasado 16 de febreiro diversas compañías do sector do transporte das comarcas do Baixo Miño, Condado, Vigo, Pontevedra e O Salnés rexistraron un escrito na Consellaría da Educación advertindo dos incumprimentos das condicións das concesións por parte de Monbus.

O transporte escolarno sur da Galiza

Os empresarios do transporte das comarcas pontevedresas referíronse no seu escrito a supostas irregularidades nos lotes de transporte escolar adxudicados pola Xunta da Galiza a Monbus en Vigo, Redondela, O Porriño, Mos, Pontevedra e Vilagarcía. Neste sentido, sinalaron incumprimentos en relación co número de vehículos ofrecidos, a idade dos mesmos e a súa utilización en rotas diferentes.

Monbus ofertou á Xunta da Galiza 206 vehículos para prestar este servizo mais para as empresas denunciantes o seu número real redúcese a 96. Segundo as mesmas, "o grupo Monbus para ser adxudicatario, como o foi, dos citados lotes, ten que acreditar a dispoñibilidade dun total de 206 vehículos para adscribir á execución dos citados contratos e dar así efectivo cumprimento ás esixencias contidas nos pregos que rexeron o proceso de contratación e na normativa vixente en materia de contratación pública".

"Fronte a 206 vehículos totais que indicabamos no punto VI deste escrito, achamos que aquel unicamente adscribiu 96 vehículos e, a pesar diso, e en contra dos mandatos esixidos nos propios pregos", continúa a denuncia, "a práctica totalidade das matrículas repítese nuns e noutros contratos" e "dita reiteración de matrículas prodúcese mesmo en contratos cuxo ámbito territorial de execución se atopa en distintas provincias, o cal fai inviábel que o mesmo vehículo poida utilizarse para a prestación dos servizos".

Os mesmos buses en diferentes puntos do país

A práctica do grupo Monbus é empregar "un mesmo vehículo para adscribilo a contratos cuxo ámbito territorial de prestación radica en provincias diferentes sendo  materialmente imposíbel por horario e distancia xeográfica que o mesmo vehículo realice os servizos programados". Así, evidénciase que "a reiteración de matrículas foi unha fórmula utilizada polo  grupo Monbus non só entre os lotes do contrato do transporte escolar senón tamén entre outros lotes".

A mecánica responde "a disimular a falta de medios materiais para poder levar a cabo a prestación dos servizos nas condicións esixidas nos pregos e nos termos das súas propias ofertas". Nun escrito remitido por un grupo de empresarios do sector á Consellaría de Educación, documéntanse até 38 vehículos adscritos ao mesmo tempo a servizos diferentes na Coruña e Pontevedra.

As queixas tamén fan referencia á antigüidade dos vehículos. Así, en relación con parte da flota empregada polo grupo Monbus para prestar o transporte escolar nos centros educativos CEIP A Xunqueira, IES A Xunqueira e CEIP San Benito de Lérez, todos na cidade de Pontevedra, advirten de que "a antigüidade máxima dos vehículos ofertados polos adxudicatarios era de 10,1 anos, é dicir, non poden utilizar para a prestación dos servizos vehículos que superen dita antigüidade. Pois ben, puidemos comprobar que os vehículos utilizados e identificadas coas matrículas 9329FHP, 7938DYW, 9361FBG, 8911GHJ, 7871CZT, 7993DPK, 9807 FWH e 7938DYW superan esa antigüidade de 10,1 anos".

Comentarios