Santiago

Sanmartín negociará con Compostela Aberta unha posíbel coalición coa incógnita do PSdeG

A nacionalista achaia o camiño cara á súa investidura en Santiago con María Rozas e Xan Duro dispostos a entrar no seu Executivo e cun Partido Socialista aínda remiso e do que saen Bugallo e Leiceaga.
Asemblea de Compostela Aberta, esta terza feira. (Foto: CA)
photo_camera Asemblea de Compostela Aberta, esta terza feira. (Foto: CA)

Máis dunha década despois, Santiago de Compostela podería ter de novo un Goberno de coalición —PP, Compostela Aberta e PSdeG fixérono en solitario nos tres últimos mandatos—, desta volta, e por vez primeira, liderado por unha muller nacionalista. Goretti Sanmartín xa garantiu a pasada semana o 'si' dos seis edís socialistas e os dous de CA para a súa investidura o vindeiro 17 de xuño, e agora queda por concretarse a fórmula que rexerá o Executivo da capital galega.

A propia candidata do BNG tendeu a man publicamente a ambas as forzas de esquerda para dar forma a un goberno "plural e diverso". "Uns resultados de 6-6-2 dan boa mostra de que a xente quere que haxa ese acordo, porque creo que o conxunto da poboación de Compostela non entendería outra cousa, piden diálogo da esquerda", dixo a pasada semana, após reunirse coa comitiva de CA nunha primeira toma de contacto.

E, se ben desde o PSdeG son máis remisos a entrar nun hipotético Goberno tripartito, en Compostela Aberta si están dispostos a, cando menos, sondar esa posibilidade. Esta terza feira a asemblea da formación que dirixiu a cidade entre 2015 e 2019 —da man de Martiño Noriega— autorizou a súa coordinadora a negociar co Bloque esa posíbel entrada no equipo de Sanmartín na reunión prevista para esta cuarta. Participarán das negociacións a concelleira María Rozas, o concelleiro Xan Duro e mais os integrantes da candidatura Miguel Penas e Concha Fernández.

Na súa intervención diante da militancia de CA, Rozas admitiu que os resultados do pasado 28 de maio "nin son satisfactorios, nin son os agardados". Porén, enmárcaos no contexto "das dinámicas na Galiza e no conxunto do Estado" nos pasados comicios, cun retroceso xeneralizado do espazo que esta formación representa. Tamén agradeceu a "implicación e colaboración" das bases durante a campaña e chamou a "construír a Compostela Aberta do futuro" nos próximos catro anos.

O Bloque, "preparado" para gobernar en calquera escenario

Esa suma de 6-6-2 á que facía referencia Goretti Sanmartín outorgaría ao Goberno compostelán unha sólida maioría na corporación fronte aos 11 escanos dun Partido Popular cuxo líder, Borja Verea, pediu primeiro que o resto de forzas permitisen a súa investidura por ser "o máis votado" e esta mesma semana considerou unha "barbaridade" que o BNG puidese gobernar en solitario con "só 6 de 25 edís".

Non semella doado lograr o tripartito proposto, pois o PSdeG xa deixou claro que non ten présa en conformar o goberno e, de feito, sufriu xa dúas importantes baixas por mor dos resultados electorais. A primeira, a do alcalde saínte, Xosé Sánchez Bugallo, que xa avanzou que non tomará posesión da súa acta de edil porque "cómpre abrir unha nova etapa política" na capital da que el xa non formará parte activa. O seu nome soa agora para o Senado. E o segundo en abandonar o barco foi o 'número tres' da candidatura socialista, un Xoaquín Fernández Leiceaga que retornaba nestes comicios á primeira liña da política municipal e que decidiu tamén dar un paso á beira para facilitar a "renovación a fondo" que, ao seu xuízo, precisa o PSOE santiagués.

En calquera caso, Sanmartín, se ben avogou en reiteradas ocasións por liderar un Executivo "estábel" no pazo de Raxoi, tamén defendeu que as nacionalistas, sexa cal for a fórmula escollida finalmente, están "absolutamente preparadas" para gobernar. "O Bloque ten un proxecto político claro", defendeu.

Comentarios