Entrevista

Goretti Sanmartín: "Pomos fin a unha anomalía histórica, cunha alcaldesa que é feminista e nacionalista"

Foi unha das noticias destacadas do 28 de maio: Goretti Sanmartín Rei (A Estrada, 1964) será a primeira muller na historia alcaldesa de Santiago de Compostela. Agora comeza a negociación de Goberno nun tempo político sen acougo porque o 23 de xullo vólvese ás urnas.
Goretti Sanmartín no Pazo de Raxoi, sede do Concello de Compostela (Foto: Xan Carballa).
photo_camera Goretti Sanmartín no Pazo de Raxoi, sede do Concello de Compostela. (Foto: Xan Carballa)

—Que valoración fai o BNG do resultado electoral do 28 de maio?
Foi un gran resultado que nos consolida como forza alternativa ao PP na Galiza. Conseguimos incrementar votos, concellarías e novas alcaldías, algunhas moi importantes como a capital da Galiza. É un gran momento para o BNG, que é visto pola xente como alternativa aos seus problemas e para mellorar a súa calidade de vida. Significa unha catapulta para as eleccións galegas, previsibelmente dentro dun ano. A xente xa é consciente de que o proxecto liderado por Ana Pontón está preparado para gobernar o país.

—Ao final estas municipais funcionaron como unha primeira volta, máxime coa inmediata convocatoria de estatais para o 23 de xullo?
É un momento político moi intenso. É certo que son procesos distintos e non se deben extrapolar sen máis, pero as correntes de simpatía cara a nós son moi evidentes. En Santiago nas galegas de 2020 xa detectabamos esa onda de apoio pero non sabíamos até onde podía chegar. Tivemos un incremento moi grande. Case un 23% de representación, 11.000 votos, e por apenas 200 papeletas non logramos a sétima acta,… foron unhas previas. Agora toca irmos a por un grupo galego forte en Madrid e despois, non teño dúbida, o BNG alcanzará a presidencia da Xunta e desprazará por fin o Partido Popular.

—En oito anos pasaron de dúas concellarías á alcaldía. É un progreso moi grande pensando que en 2015 o BNG tiña unha situación moi difícil.
Vimos de momentos moi duros pero agora sabíamos que iamos lograr un moi bo resultado. Non foi inesperado, pero era a hipótese máxima. Ser a primeira forza na esquerda e conseguir unha alcaldía, despois da negociación que encabezamos, como a primeira alcaldía da capital galega para unha muller feminista e nacionalista, ten un gran simbolismo. E Santiago vai ser un escaparate dos modelos de concellos do BNG, pensados para as persoas, transparentes e participativos.

—Comezan xa as tomas de contacto e as negociacións, di vostede que sen liñas vermellas, pero con marcas de partida para ter goberno desde o mesmo día de posesión da alcaldía. Van estar moi condicionadas pola convocatoria de xullo?
Iso sempre condiciona a vida política. Pero estamos nun momento de máxima responsabilidade e Santiago de Compostela ten retos estratéxicos e a prioridade é negociar rápido e traballar de inmediato. Creo que todas as fozas son conscientes desa responsabilidade.

—Gustaríalle que fose un acordo que inclúa as outras dúas forzas (Compostela Aberta e PSdeG-PSOE) no goberno?
Preferimos un goberno amplo, sólido e estábel. Cremos que é boa a diversidade e cantas máis mans a traballar e construír cidade e concello mellor. A idea é ter unha negociación que dea lugar a un goberno único, liderado por unha nacionalista, que sexa transformador, con prioridades asumíbeis polas tres forzas.

—Compostela ten, ademais dunha proxección mundial, unhas características moi específicas, como capital da Galiza, cun turismo intensivo, cunha grande extensión, unha relación complexa casco vello-barrios… Cales son as urxencias máis inmediatas?
Precisamos xa un plan de accesibilidade universal, porque é un problema que temos desde as rúas e beirarrúas ou nos edificios públicos, aos barrios que están en costa, sobre todo para a xente maior ou con problemas de mobilidade; precisamos ir a un turismo de calidade e que as políticas de turismo estean deseñadas para a xente que vive aquí, porque se é bo para elas será bo para o conxunto da poboación; precisamos transformacións urbanas que unan os barrios, porque algunhas infraestruturas como os periféricos están sobredimensionadas e fragmentaron os barrios e necesitamos volver ser vangarda e referente en cultura e memoria histórica e sermos unha capital verde, porque temos moitos parques pero ese verde debe estar tamén nas rúas e nas prazas e que sexa a vida do noso día a día.

E temos que facer políticas feministas e igualitarias conseguindo servizos de calidade para toda a cidadanía compostelá, vivas onde vivas, rematando coa discriminación histórica do rural, que ten problemas graves de abastecemento e saneamento que deben estar na axenda cotiá e inmediata.

—Teñen pensado medidas para os problemas relacionados coa vivenda en xeral e a vivenda turística?
Temos un plan para crear un parque de vivendas, dinamizando as que están baleiras e impulsar que se dispoñan para o aluguer social ao conxunto da poboación, e tamén que funcione ben o rexistro de soares ou de edificios en mal estado para poder utilizalos. Tamén estamos de acordo cunha limitación e regulamentación das vivendas de uso turístico que intensificaron problemas preexistentes de expulsión de veciñas e veciños do concello. Son moitas frontes de actuación, tamén conseguir servizos de calidade que fixen a poboación na zona histórica, apoiando o comercio de proximidade nesta área saturada de tendas de souvenirs.

—Algúns destes problemas son agudos nun casco histórico que concentra os grandes ríos, nalgúns meses desbordados, do turismo?
Singularmente aí. O Consorcio debe recuperar o papel que tivo, e mercar baixos nos que se poñan comercios cunha tipoloxía que cubra servizos esenciais: alimentación, droguería, mercería, ferraxaría, de economía circular, relacionados cos coidados,… e blindar estabelecementos emblemáticos que non deben seguir fechando (como pasou coas librarías da rúa do Vilar). Porque hai que axudar a que sexan reclamos dun turismo de calidade, porque o turismo é bo sempre que sexa de calidade, e non só de contabilidade de milleiros de persoas. Só así podemos fixar poboación na cidade histórica.

Tamén dando axudas para mellorar as vivendas, insonorizalas, mellorando a súa eficiencia enerxética e de accesibilidade e garantindo o dereito ao descanso. Temos que facer políticas para a xente que alí vive e traballa.

—A capitalidade, que implica máis alá do simbólico de representar toda Galiza?
Primeiro, que tes que dispoñer lugar para moitas institucións e que debes ceder unha serie de terreos e non cobrar determinados impostos. O Estatuto de Capitalidade fai un cálculo do que debemos dispor no concello por todo iso, e fíxao en 5,5 millóns de euros anuais, que a Xunta da Galiza non dá, apenas está en 2,4 millóns. Pero queremos que Compostela non sexa só capital administrativa, tamén debe selo cultural.

Temos un gran proxecto para que, a partir da figura de Rosalía de Castro, haxa unha explosividade de creatividade, cunha factoría cultural que aposte por esa vinculación da nosa escritora emblemática co mundo moderno, de vangarda, feminista, de ideas novas e efervescentes. Queremos tamén que sexa unha capital do comercio especializado e unha capital verde. Tamén un lugar para o turismo local e comarcal e que moitos espazos que están fechados (da Igrexa ou privados) permanezan abertos todo o ano. Houbo experiencias magníficas de poder contemplar esa patrimonio invisíbel e non pode ser só durante unha semana ao ano.

—Teñen que ter relación especial tamén para todo iso coa Igrexa, a Xunta da Galiza e a Universidade.
A nosa intención é manter unha colaboración estreita con todas elas. Coa Universidade para facer plans e atraer outra vez todo o talento que tivo que emigrar e que se formou aquí, ou para maximizar o uso das instalacións deportivas e culturais dos campus… e coa Igrexa para que ese patrimonio seu que esta fechado sexa visitábel cun convenio que o permita. 

—Destacouse que vai ser a primeira alcaldesa que ten Santiago.
Foi unha anomalía histórica. Tamén é significativo que sexa unha muller feminista e nacionalista. É unha homenaxe a moitas mulleres loitadoras que houbo e hai na cidade. Agardo que sexa referente para tantas rapazas novas e avanzar en políticas de conciliación tan necesarias. En todo caso é unha noticia histórica da que me sinto orgullosa. Aínda non houbo na centenaria Universidade unha reitora pero xa hai unha alcaldesa en Santiago.

—E onde vai quedar a investigadora de longo alento nos problemas da lingua e da literatura galega, que vostede é, durante este novo periplo?
Na lingua, Santiago foi pioneira en políticas normalizadoras e ten que volver selo porque perdeu impulso. Hai problemas de uso do galego en todo o país, pero temos que redobrar esforzos, garantindo tamén o uso do galego, por exemplo polas concesionarias dos servizos. 

Como investigadora, procuro estar informada do que se fai no meu ámbito e teño unha vocación de docente que non abandono. Manteño un club de lectura con mulleres que foron alumnas no cuarto ciclo da Universidade. Confío poder seguir reuníndome con elas. Tamén iso é conciliación e evita manterte na distancia e na burbulla do traballo político diario.

Comentarios