Leiceaga renuncia á acta en Santiago e Carmela Silva voltará ao Senado

Novos movementos nas filas do PSdeG-PSOE, que segue a artellar as súas candidaturas para as eleccións a Cortes Xerais do 23 de xullo.
Á esquerda, Xoaquín Fernández Leiceaga; á dereita, Carmela Silva. (Fotos: Nós Diario - Europa Press)
photo_camera Á esquerda, Xoaquín Fernández Leiceaga; á dereita, Carmela Silva. (Fotos: Nós Diario - Europa Press)

O ex senador Xoaquín Fernández Leiceaga foi unha das principais novidades na lista coa que Xosé Sánchez Bugallo optou á reelección en Santiago o pasado 28 de maio. Porén, após seren superados os socialistas polo BNG de Goretti Sanmartín, a próxima alcaldesa da capital, Leiceaga, 'número 3' da candidatura, non tomará posesión da súa acta como concelleiro o próximo 17 de xuño —día de constitución da corporación local— e volverá ao seu labor como docente de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela.

O que tamén fora candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta en 2016 avanzou a súa decisión esta terza feira, nunha rolda de prensa ofrecida na sede da agrupación do PSOE local na que considerou que o resultado das eleccións municipais do 28 de maio, nas que o PSOE pasou da vitoria catro anos atrás a ficar como terceira forza política, por detrás de PP e BNG, fai necesaria "unha renovación a fondo" do proxecto político.

Fernández Leiceaga, que lembrou que o seu primeiro contacto co Concello de Santiago foi no ano 1999 —daquela dentro das filas do BNG—, fixo fincapé en que dentro de catro anos terá "66 anos". "E non creo que deba ser esa a percha sobre a que debe pilotar a renovación do PSOE dentro de catro anos", xustificou.

Carmela Silva, ao Senado

Quen tampouco tomará posesión do seu cargo após as eleccións do pasado 28 de maio é Carmela Silva, que oito anos despois deixará de presidir a Deputación de Pontevedra por mor da maioría absoluta colleitada polo PP na institución provincial. Silva, porén, ten xa un novo obxectivo: retornar ao Senado, onde xa fora, entre 2008 e 2011, portavoz da bancada socialista.

O seu nome viña soando nas quinielas do PSdeG-PSOE para designar as cabezas visíbeis das súas candidaturas nas circunscricións da Galiza —no seu caso, a de Pontevedra— e esta terza feira ela mesma deuno por feito, a preguntas dos xornalistas sobre estes rumores: "Será outro espazo para defender sociedades xustas, libres e iguais".

"Paréceme que dedicarse á política en calquera área, neste caso na Cámara de representación territorial, é unha enorme honra, un privilexio", engadiu a aínda presidenta da Deputación, no acto de presentación dos cursos de verán da UNED en Vigo.

E o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, avalou a súa candidatura, así como a doutra das súas persoas de confianza, o delegado da Zona Franca: "A mellor candidata para encabezar o Senado é Carmela Silva e o mellor candidato para encabezar o Congreso é David Regades. Para min é un dato. El vai ser o número uno na lista do Congreso e ela na lista do Senado", afirmou.

Neste senso, gabou a "traxectoria política excepcional" de Silva xa que, alén de ser presidenta da Deputación e tenente de alcalde en Vigo, tamén foi portavoz do Goberno no Senado en tempos de José Luis Rodríguez Zapatero. Pola súa parte, de Regades destacou a súa "amplísima traxectoria" como tenente de alcalde e como o "mellor delegado de Zona Franca da historia". "Non os avala o alcalde de Vigo, que tamén, aválaos a súa propia traxectoria", sentenciou Caballero.

Estes futuros movementos prodúcense no mesmo día que transcende que o actual delegado do Goberno estatal na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, abandonará o seu cargo proximamente para encabezar a lista do PSOE ao Congreso pola circunscrición de Lugo. Pola súa parte, o ministro José Miñóns soa como 'número 1' pola Coruña.

Comentarios