18-F

O CIS apunta ao duelo Rueda-Pontón: a maioría do electorado da esquerda decántase pola nacionalista; o da dereita, polo popular

Case 64% das e dos votantes de Sumar e 36% dos do PSdeG prefiren a Ana Pontón como presidenta da Xunta, mentres o 55% da masa electoral de Vox aposta por Alfonso Rueda antes que polo seu candidato.
Alfonso Rueda e Ana Pontón. (Fotos: Europa Press | Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda e Ana Pontón. (Fotos: Europa Press | Arxina)

Seis de cada dez votantes de Sumar decántanse por Ana Pontón, candidata do BNG, como nova presidenta da Xunta da Galiza. Así se desprende do barómetro publicado esta quinta feira polo CIS, que evidencia como até 63,8% das persoas que nas anteriores eleccións estatais depositaron a papeleta da formación que encabeza Yolanda Díaz na urna prefiren a Pontón á fronte do Goberno galego.

Só o 11% das e dos electores de Sumar fan unha clara aposta por Marta Lois como presidenta, mentres outro 7,9% cre que a persoa idónea sería o socialista José Ramón Gómez Besteiro. E seguindo coas persoas votantes do PSdeG, resulta tamén especialmente significativa a porcentaxe que prefire un Executivo liderado pola líder nacionalista, até 36,3%, fronte ao 37,5% que avoga polo seu propio candidato, Besteiro, só 1,2 puntos máis.

Dentro do BNG parece haber menos dúbidas: para o 85,2% da súa masa electoral a próxima presidenta debería ser Pontón, mais hai outro 5,1% que, curiosamente, dentro do resto de opcións, elixiría o popular Alfonso Rueda. E o actual mandatario galego é tamén o preferido dentro da súa parroquia, con 84,7% das e dos seus votantes decantándose por el para seguir á fronte da Xunta, mentres un 3% apunta a Pontón.

Quen tampouco parecen ter claro a quen apoiar nas eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro son as electoras e electores de Vox, pois máis da metade —en concreto, 54,4%— ven en Rueda o seu candidato favorito a presidente. Unicamente o 12,3% dos votantes da extrema dereita queren o seu candidato, Álvaro Díaz-Mella, como dirixente, e mesmo un 4,2% cre que Ana Pontón debería selo.

Pontón tamén é a favorita do electorado de Pacma (36,2%), impóndose cunha vantaxe de oito puntos a quen prefiren a Rueda (28%). Aliás, a nacionalista parece capitalizar o voto da xente nova, pois até 31,3% das persoas que nas anteriores eleccións estatais non tiñan idade para votar elíxena a ela, fronte a un 19,9% que aposta polo candidato do PP e un 15,4% que se decanta por Besteiro.

No tocante á xestión de Alfonso Rueda á fronte da Xunta desde que colleu os mandos en 2022, cando Alberto Núñez Feixoo dimitiu para marchar a Madrid a dirixir o Partido Popular, o resultado é negativa para boa parte da poboación galega, pois 14,5% das persoas enquisadas cualifícana de "moi mala", 17,5% cren que foi "mala" e 27,3% sinálana como "regular". Só o 30,6% considera que foi "boa" e 7,6% "moi boa". Rueda só obtén un aprobado claro dentro do electorado de PP, Vox e Ciudadanos.

Comentarios