18-F

O PP, a un paso de perder a maioría absoluta, segundo o CIS

BNG e PSdeG soben posicións ante un Partido Popular que caería máis de catro puntos.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, nun acto recente. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, nun acto recente. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)

O barómetro preelectoral do CIS de cara ás eleccións galegas do 18 de febreiro deixa un escenario especialmente aberto. Segundo as súas estimacións, o Partido Popular volvería ser a forza máis votada, pero perdería polo camiño máis de catro puntos porcentuais a respecto da cita coas urnas de 2020, o que lle outorgaría entre 36 e 38 escanos.

Esa caída aproveitaríaa o BNG, que pasaría de 23,8% a arredor de 29,3% dos sufraxios emitidos este 18-F, con entre 20 e 23 deputados e deputadas. O PSdeG sería a terceira forza con entre 15 e 17 actas e un 20,4% do voto, mellorando tamén os resultados de 2020.

Pola súa parte, Sumar lograría no conxunto do país un 3,5% e podería tanto quedar fóra da Cámara galega como obter até dúas representantes. Tamén fica no ar Democracia Ourensá, que obtería un 0,4% do voto total na Galiza e entre cero e un escano.

A quen o CIS non dá opcións de obter representación parlamentaria é ao ultradereitista Vox, que caería sete décimas até ficar en 1,3% do voto válido, e Podemos, co mesmo 0,4% que estima para DO. O resto de formacións políticas que concorren a estes comicios sumarían en conxunto un 0,7% dos sufraxios, mentres 0,8% da cidadanía optaría pola papeleta en branco.

No tocante á intención directa de voto, o CIS apunta a un 35,9% de electoras e electores que xa terían decidido apoiar o PP, un 26,5% que se decantaría polo BNG, un 14,1% polo PSdeG, un 2,8% por Sumar, un 1,3% por Vox, un 0,3% por DO, un 0,4% por Podemos, un 0,3% por outras formacións, un 1% que votaría en branco, un 0,3% que votaría nulo, un 1,7% que se abstería, un 2,3% que prefire non responder e até un 13,4% de persoas que se declaran abertamente indecisas.

Por circunscricións electorais, o escenario máis favorábel para as forzas nacionalistas e progresistas daríase en Pontevedra, onde o PP lograría 9 actas; o BNG, entre 7 e 8; o PSdeG, entre 5 e 6, e Sumar, entre 0 e 1. Na Coruña, pola súa parte, os populares gañarían entre 12 e 13, por volta de entre 7 e 8 para o Bloque, entre 5 e 6 para o PSdeG e entre 0 e 1 para Sumar.

En Lugo a formación que encabeza Alfonso Rueda asinaría o mellor resultado da Galiza, con entre 8 e 9 asentos no Parlamento fronte aos 3 de BNG e PSdeG. E en Ourense o PP obtería 7; o BNG, entre 3 e 4; o PSdeG, 2, e DO, entre 0 e 1.

Novo barómetro para Nós Diario

Este sábado, 27 de xaneiro, Nós Diario incluirá entre as súas páxinas unha nova entrega do barómetro que elabora o Instituto Demoscópico EM-Analytics en exclusiva para este xornal.

Comentarios