18-F

CIS: Ana Pontón, a candidata mellor valorada; o Goberno de Rueda, o cuarto problema que máis preocupa á cidadanía

Para as persoas entrevistadas, os principais problemas que atravesa Galiza nestes momentos son o desemprego (13,8%), o estado do sistema sanitario (10,3%), a crise económica e os problemas económicos (8,2%) e mais, en cuarto lugar, o propio goberno da Xunta (5,5%).
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Foto: Arxina).
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no Parlamento galego. (Foto: Arxina)

O barómetro do CIS de xaneiro para as eleccións galegas, publicado esta quinta feira, deixa un escenario aberto co PP ao bordo de perder a maioría absoluta e deixando polo camiño máis de catro puntos a respecto dos comicios de 2020. Deste estudo tamén se desprende que a candidata do BNG, Ana Pontón, cunha valoración media de 5,77, é a líder mellor valorada, seguida do popular Alfonso Rueda, cun 5,39. Por detrás sitúase o socialista José Ramón Gómez Besteiro, cun 4,84.

A aspirante de Sumar, Marta Lois, obtén un 4,09, mentres que a de Podemos, Isabel Faraldo, alcanza un 3,37. Pola súa parte, o cabeza de lista de Democracia Ourensá, Armando Ojea, faise cun 3,17, mentres e o peor valorado é o candidato de Vox, Álvaro Díaz-Mella, cun 2,7. A enquisa foi realizada entre o 8 e o 22 de xaneiro, cunha mostra de 11.011 entrevistas repartidas nas catro circunscricións galegas.

Principais problemas

Para as persoas entrevistadas, os principais problemas que atravesa Galiza nestes momentos son o desemprego (13,8%), o estado do sistema sanitario (10,3%), a crise económica e os problemas económicos (8,2%) e mais, en cuarto lugar, o propio goberno da Xunta (5,5%). Con todo, un 43,5% dos entrevistados e entrevistadas cre que a situación económica actual na Galiza é "moi boa ou boa", mentres que un 39,9% asegura que é "mala ou moi mala" e un 14,2% defínea como "regular".

Ademais, comparado con hai catro anos, o 16% da cidadanía galegaafirma que é "moito mellor", un 32,2% que é "peor ou moito peor", e un 50% asegura que está igual. O 69,9% dos galegos asegura que votará o 18 de febreiro pensando "nos temas propios da Galiza", e só un 20,3% pensando "nos temas xerais de España".

Sobre a xestión realizada polo Partido Popular nos últimos catro anos á fronte do Executivo galego, un 46,1% dos galegos sostén que foi "mala ou moi mala", un 45,5% que foi "boa ou moi boa", e un 7,1% di que "regular".

O CIS de xaneiro pregunta tamén polo sentimento identitario das galegas e galegos e, neste sentido, só un 6,6% da poboación di sentirse "unicamente española" ou "máis española que galega". No extremo oposto, un 7% afirma ser "unicamente galega", e outro 19,5% séntese "máis galega que española". Mentres, o 65,3% das respostas apuntan a "tan galega como española".

Aliás, o BNG é o partido que "mellor defende os intereses da Galiza" para 41,6% das persoas enquisadas, fronte ao 34,6% que din que é o PP. A maioría da xente (63,4%) tamén apunta ao Bloque como o que "mellor defende a identidade, cultura e lingua galega". Pola contra, o PP é na opinión maioritaria o que "mellor representa as ideas da xente como vostede [a enquisada]" (35,3%, fronte a 24,4% que responde BNG), que "inspira máis confianza" (37,8% fronte a 24,1%), que "ten mellor líder na Galiza" (40,7% fronte a 24,7%) e que "está máis capacitado para gobernar" o país (42,8% a 24,7%). PSdeG, Sumar e outras formacións aparecen nestes rankings do CIS da terceira posición cara abaixo, máis distanciados de PP e BNG.

Comentarios