Carmen Santos imponse nas primarias e será a nova secretaria xeral de Podemos Galiza

A candidata de 'Un mar de xente' obtivo o 41% dos votos, polo 39% da candidatura encabeza de Ángela Rodríguez, deputada de En Marea. Breogán Riobóo logrou o 19%. Os resultados déronse a coñecer desde Zaragoza.

carmen santos un mar de xente
photo_camera Carmen Santos

Carmen Santos, nada en Porto do Son e viguesa de adopción, é a nova secretaria xeral de Podemos Galiza. Esta politóloga e traballadora do CSIC xa fora nas primarias de febreiro de 2015 a máis votada para o Consello Cidadán, cargo do que demitiu. Porén, nunhas primarias que semellaban polarizadas entre Breogán Riobóo e Ángela Rodríguez, a que partía, cara á galería, como a que tiña menos ventaxes acabou impoñéndose.

'Un mar de xente', a candidatura de Santos, logrou o 41% dos votos (1.214 sufraxios) , fronte ao 39% (1.162 votos apoios) que logrou a lista liderada por Ángela Rodríguez, deputada de En Marea. Breogán Riobóo obtivo o 19%, 575 votos. Nestas primarias votaron 3.225 persoas. Os resultados das primarias galegas foron ofrecidos desde Zaragoza polo secretario de organización de Podemos, Pablo Echenique. O Consello Cidadán terá 17 representantes da candidatura de Santos e outros tantos da de Ángela Rodríguez.

Nunha entrevista en Sermos Galiza, Carmen Santos amosaba esperanzas de que o resultado “reflectise a verdadeira realidade de Podemos Galiza”, apostando no compromiso da militancia como un valor a preservar e impulsar fronte a aqueles persoas cunha actitude máis pasiva

Estaban chamados a votar 20.576 afiliados neste proceso votaron 3.225. Isto supón que participaron nas votacións o 15,77% do censo, o que supón, ademais, unha queda do 16% a respeito da mobilización nas votacións das primarias que tiveron lugar vai algo máis dun ano, en febreiro de 2015.

“En Marea tería que ser máis democrática”

Nesa conversa, a agora nova secretaria xeral de Podemos Galiza tamén opinaba sobre a fórmula de concorrencia ás eleccións galegas. “ Será algo que decidan as propias bases, mediante asembleas territoriais explicativas por toda Galiza, posterior consulta telemática e asemblea xeral. Hai que escoitar a militancia, que é a nosa voz. E de aí sairemos quer apostando por ampliar, abrir e mellorar En Marea, que tería que ser algo máis democrático, non unha coligazón; ou quer concorrer como Podemos”.

Comentarios