CARMEN SANTOS

“A nosa candidatura representa o Podemos orixinario, o de ferramenta para o cambio”

Esta viguesa de adopción encabeza 'Un Mar de xente', unha das tres listas que concorren nas primarias de Podemos en Galiza e cuxas votacións decorren a partir desta sexta feira

carmen santos un mar de xente
photo_camera Carmen Santos

- Vostede foi a persoa máis votada nas pasadas eleccións ao Consello cidadán, do que posteriormente demitiu. Cre que iso pode pasarlle factura neste proceso electoral, ou máis ben ao contrario?

- O que me transmite a xente é que valorou a decisión que tomei naquel momento, porque considerei que Podemos estaba indo cara atrás. Deixei o cargo orgánico, mais non deixei Podemos nin deixei de traballar desde a base, nin de ter contacto cos movementos sociais e os círculos.

- Que destacaría da candidatura 'Un Mar de xente', que achega que as outras non?

Pois eu destacaría dúas cousas. En primeiro lugar, no documento político hai un salto cualitativo importante, facemos unha completa análise política, económica e social de Galiza e ofrecemos propostas de futuro; algo que as outras dúas candidaturas non teñen. Ademais, somos unha candidatura cunha ampla presenza da sociedade civil, con xente dos movementos sociais, do agro, do mar, das preferentistas... É unha candidatura que reflicte o Podemos que nos trouxo aquí, o do pobo organizado, a ferramenta de cambio... E tamén levamos na candidatura presenza dos círculos, con persoas eleitas polos propios círculos para ir na lista.

- Considera que deste proceso, e despois de todo o acontecido, Podemos Galiza vai saír máis unido?

Pois depende, tería que saír máis xusto, mais este tipo de procesos son como son. O que eu agardo é que o resultado reflicta a verdadeira realidade de Podemos Galiza. Que vai ter máis peso? Os militantes organizados ou os inscritos, máis activados en función dos medios de comunicación?

- As autonómicas. Por que fórmula aposta 'Un mar de xente'?

Será algo que decidan as propias bases, mediante asembleas territoriais explicativas por toda Galiza, posterior consulta telemática e asemblea xeral. Hai que escoitar a militancia, que é a nosa voz. E de aí sairemos quer apostando por ampliar, abrir e mellorar En Marea, que tería que ser algo máis democrático, non unha coligazón; ou quer concorrer como Podemos.

- Que status considera que debe ter Podemos Galiza a respeito da organización a nivel estatal?

Estatutariamente xa están marcadas as competencias de cada quen. Canto máis fortes e eficientes sexamos aquí, en Podemos Galiza, máis marxe teremos, desde a dirección estatal non van a arbitrar e intervir, algo que tampouco facían agora, agás o caso extremo. Mais non somos dous partidos distintos.

Comentarios