venres 21/01/22
Candidaturas de Noa Díaz e José Tomé na Coruña e Lugo

Quen é quen nas primarias provinciais dos socialistas galegos?

A campaña de primarias para a renovación das secretarías provinciais do PSdeG encara as súas semanas decisivas. Se na xornada de onte era o alcalde do Barco, Alfredo García, quen presentaba os avais necesarios para concorrer en Ourense, hoxe facíano o presidente da Deputación de Lugo José Tomé e a deputada Noa Díaz
pilar
José Tomé, acompañado de Pilar Porto e Pablo Rivera, rexistra os avais para liderar o PSdeG de Lugo. (Foto: Europa Press).

José Tomé rexistrou na maña de hoxe 600 avais para postularse como secretario xeral dos socialistas lugueses. Acompañado das súas persoas de confianza á fronte da Deputación de Lugo, Pilar Porto e Pablo Rivera, Tomé reivindicou a súa “experiencia política” para aspirar a esta nova responsabilidade.

A “experiencia política” de Tomé

O presidente da Deputación de Lugo comprometeuse a “trasladar ao conxunto do partido” a súa “experiencia política, que xa empeza a ser dilatada tanto no ámbito orgánico como no institucional”

“O PSdeG xa está en boa posición en Lugo”, afirmou Tomé, quen lembrou que a formación “xa está en boa posición” e goberna “70% da poboación da provincia” pero “iso querémolo consolidar e alcanzar outras alcaldías”. “Cando ao Partido Socialista vai ben, aos lugueses vailles ben”, aseverou Tomé.

Tomé enfrontarase nas primarias a celebrar o día 30 de xaneiro co alcalde de Castroverde e deputado provincial José María Arias. A totalidade das fontes socialistas de Lugo consultadas por Nós Diario sinalan a Tomé como favorito claro, ficando a dúbida dos apoios que finalmente conseguirá.

Alfredo García postúlase en Ourense

Un día antes de Tomé, presentou os seus avais para a secretaría dos socialistas ourensáns o alcalde do Barco de Valdeorras Alfredo García. Este defendeu a súa proposta, afirmando que “moitos compañeiros entendían que había que dar un paso á fronte” e que “era a persoa idónea para facelo”

“Para min é un orgullo. Eu levo toda a vida sen ningún tipo de dúbida neste partido. Sinto este partido, quero a este partido e quero o mellor para este partido”, aseverou García, quen significou que “en catro días de traballo” conseguiu recoller “moi preto de 400 apoios.

García asegurou que "a militancia está desanimada e non percibe que se conta con ela” .“Falo dos militantes do montón, das pequenas agrupacións pero tamén das grandes, onde hai unha decepción, unha falta de sintonía coa dirección”, recalcou o alcalde do Barco de Valdeorras.

Noa Díaz aspira á secretaría xeral da Coruña

Noa Díaz apurou, tamén, os prazos a este domingo para facer entrega dos avais. Segundo a deputada compostelán, precísase dun PSdG “forte que se configure como ferramenta clave coa que, entre todas e todos, poder dar solucións aos numerosos problemas aos que se enfronta a cidadanía”.

“É hora de que as mulleres asumamos tarefas de dirección á fronte do partido e incorporemos a nosa visión á maneira de facer política”, proclama Díaz, quen chama a pór o foco nas pequenas agrupacións que “son quen presenta maiores dificultades á hora de desenvolver as súas funcións”.

Díaz, persoa do círculo de confianza de Gonzalo Caballero, sinala que a súa candidatura “nace da man da militancia de base e coa vontade de sumar en positivo cun proxecto aberto e integrador a calquera achega que supoña fortalecer o PSdeG”.

Ourense proceso aberto

Ourense é a circunscrición onde o proceso de primarias está mais aberto. A esta altura, ninguén se atreve a aventurar se continuará á fronte da dirección do partido Rafael Villarino ou se será substituído por Alfredo García. Os equipos dun e doutro aspirante á secretaría xeral recoñecen a Nós Diario a igualdade de apoios entre ambas propostas.

Os prognósticos non avanzan sorpresas na Coruña e Pontevedra. Así, na primeira das circunscrición dáse por feita a vitoria do alcalde de Pontedeume e voceiro socialista na Deputación da Coruña Bernardo Fernández. Fernández, persoa moi próxima a Formoso, terá enfronte a deputada compostelá, Noa Díaz, peza chave no equipo de Gonzalo Caballero.

Unha situación análogo repítese en Pontevedra, onde o candidato impulsado desde o círculo de Abel Caballero, David Regades, deberá competir coa deputada pontevedresa, Paloma Castro, muller de confianza do anterior secretario xeral Gonzalo Caballero.

A aposta de Formoso

A foto final deste proceso apunta a unhas estruturas de dirección territorial na liña da maioría conformada arredor de González Formoso. A este respecto, a sintonía das direccións provinciais coa galega facilitaría o traballo do novo secretario xeral dos socialistas galegos.

As fontes socialistas consultadas por Nós Diario dan por feito unha vitoria dos próximos a Formoso na Coruña, Lugo e Pontevedra, onde o sector de Abel Caballero aparece agora como un aliado firme de Formoso.

Nestas circunstancias, a batalla por Ourense centra todas as miradas. Así, unha vitoria de García, candidato impulsado desde o sector de Formoso, deixaría nun situación moi complicada ao grupo de Gonzalo Caballero, que ficaría despoxado de todo o poder territorial

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Quen é quen nas primarias provinciais dos socialistas galegos?
comentarios