O PSdeG de Formoso confía a Luis Álvarez a portavocía do partido no Parlamento

A reunión da executiva tamén acordou a renovación da dirección do grupo parlamentario.
O deputado do PSdeG Luís Álvarez nunha rolda de prensa en febreiro de 2020. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado do PSdeG Luís Álvarez nunha rolda de prensa en febreiro de 2020. (Foto: Europa Press)

Nunha reunión celebrada este sábado, a executiva do PSdeG vén de designar ao deputado Luís Álvarez como novo voceiro do partido no Parlamento, en substitución de Gonzalo Caballero, ex secretario xeral da formación.

Así o comunicou en declaracións aos medios o líder do PSdeG, Valentín González Formoso, durante unha reunión da executiva na que tamén se acordou a renovación da dirección do grupo parlamentario.

O relevo na portavocía prodúcese dos meses e medio despois de que o tamén alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña se impuxese nas primarias á Secretaría Xeral, nun proceso interno de renovación que culminou coa celebración do XIV Congreso Nacional do PSdeG os días 7 e 8 de decembro. 

Para ocupar a portavocía do PSdeG no Pazo do Hórreo soaban tamén o arousán Julio Torrado, a viguesa Leticia Gallego e a coruñesa Begoña Rodríguez Rumbo.

Finalmente o escollido foi Luis Álvarez, deputado por Lugo, unha das provincias chave na vitoria de Formoso, xa que contou co apoio da alcaldesa da capital, Lara Méndez, e do presidente da Deputación, José Tomé.

Tal e como explicou o secretario xeral en declaracións aos medios durante a executiva, que se celebrou no Hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela, Álvarez é unha "persona rigorosa" e "construtiva" que terá o encargo de representar o "novo tempo" aberto no partido no Congreso Nacional celebrado os días 7 e 8 de decembro.

Xunto a el, estará un "equipo máis amplo" á fronte do grupo parlamentario que dará "representación ás catro provincias galegas" e, ademais, co "criterio da paridade". Así, estes serán Begoña Rodríguez Rumbo (A Coruña), Carmen Rodríguez Dacosta (Ourense), Juan Carlos Francisco (Ourense), Leticia Gallego (Pontevedra), Julio Torrado (Pontevedra) e Patricia Otero (secretaria provincial do PSOE en Lugo).

Deste xeito, Formoso optou por deixar fóra da dirección no Hórreo ao propio Gonzalo Caballero, quen xa avanzou que non deixaría a acta, e a deputados afíns a el como o ex vicesecretario xeral Pablo Arangüena, Pomba Castro, Noa Díaz, Noelia Otero e Martín Seco. 

Comunicou "persoalmente" a Caballero a súa substitución

No entanto, o novo secretario xeral socialista asegurou que o "novo tempo" que se abre no grupo "non rompe con nada", senón que "simplemente ten unha sensibilidade distinta" e garda o obxectivo de "ser a correa de transmisión das inquedanzas" da sociedade galega.

E é que, tal e como engadiu Formoso, a recentemente estreada dirección do partido ten "nova dinámica de contacto permanente, de proposición permanente, de escoitar á sociedade galega".

Estes cambios, que serán comunicados polo propio secretario xeral nunha reunión do grupo parlamentario que se celebrará o luns, irán acompañados de "unha remodelación de competencias" das áreas que levará cada un dos deputados na nova etapa, que será tamén parte do labor do portavoz.

Valentín González Formoso aproveitou para destacar o traballo ao ex secretario xeral e xa ex portavoz Gonzalo Caballero, a quen --tal e como dixo-- chamou o venres para comunicarlle "persoalmente" a decisión da súa substitución.

"Quero agradecerlle o seu compromiso, como non podía ser doutra maneira", manifestou, para seguidamente erixilo en "un activo" do partido "que será sempre respectado" e empregado "para moitísimas funcións".

"É unha persona que, loxicamente, tamén é imprescindible para o socialismo galego, como o resto de ex secretarios xerais", recalcou Formoso.

 

Comentarios