A Xunta aproveita as visitas oficiais para promover candidatos do PP

A popular Pilar Rojo critica o proceder dun Comisionado español.
A senadora do PP, Pilar Rojo. (Foto: Europa Press)
photo_camera A senadora do PP Pilar Rojo. (Foto: Europa Press)

O PP rexistrou esta semana, a través da senadora Pilar Rojo, unha pregunta na Cámara Alta para coñecer por que o Comisionado para o Corredor Atlántico, nomeado polo Goberno español, excluíu a Xunta da Galiza na súa visita do pasado 7 de marzo. 

"A súa axenda incluíu reunións co delegado do Goberno estatal ou con directivos de empresas, pero non con representantes da Xunta, administración que foi coñecedora da noticia polos medios de comunicación", criticaron desde o PP. Nesta liña, Rojo preguntou polos motivos desta "exclusión".

A exclusión á que se refire Rojo na súa iniciativa é semellante á que con asiduidade practica a Xunta de Galiza cando opta por non convidar alcaldes e alcaldesas que non pertencen á súa cor política.

Denunciouno o PSdeG no Parlamento a través de Begoña Rodríguez, quen acusou o PP de usar a Xunta da Galiza como "plataforma de publicidade electoral para os candidatos municipais". Rodríguez relatou unha serie de actos con diferentes conselleiros e conselleiras nos que foron excluídos alcaldes e alcaldesas á vez que se convidaban edís ou candidatos do PP ás municipais.

Un destes exemplos foi o do 150 aniversario da Praza de Abastos de Compostela, ao que o Goberno galego non convidou o alcalde da capital, Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG) pero si o candidato do PP á Alcaldía, Borja Verea.

Anteriormente, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitara Carballo para anunciar a ampliación do polígono de Bértoa. Un acto ao que non convidou o alcalde, Evencio Ferrero (BNG), mais si o deputado do PP e candidato á alcaldía dese municipio, Rubén Lourenzo.

Non son os únicos casos. O Executivo galego optou recentemente pola exclusión de alcaldes e alcaldesas de Vilalba, Ferrol, Forcarei, Moaña ou Pontevedra, entre outros concellos onde non goberna o PP, a actos públicos. 

Comentarios