José Araújo volve á lista do PP de Ourense após marchar a Ciudadanos

O agora ex edil condiciona o seu regreso ao grupo popular a que non se reedite o pacto con Gonzalo Pérez Xácome: "Se é así, marcharei".
O edil ourensán José Araújo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O edil ourensán José Araújo. (Foto: Europa Press)

José Araújo, o único concelleiro de Ciudadanos (Cs) en Ourense —nas eleccións de 2019 obtivo dúas actas, mais o edil Laureano Bermejo abandonou posteriormente o partido para pasar ao grupo dos non adscritos—, confirmou esta terza feira nun almorzo informativo cos medios de comunicación que abandona a formación laranxa para formar parte da lista do Partido Popular que lidera Manuel Cabezas, con quen xa fora concelleiro.

Araújo asegurou que se incorpora á lista de Cabezas como independente porque "para cambiar o rumbo da cidade é máis importante sumar que dividir o voto". O xa ex edil regresa así ao partido que abandonou en vésperas dos comicios de 2019 despois de varios anos como concelleiro, entre eles levando a área de Cultura durante o último mandato do propio Manuel Cabezas entre 2003 e 2007, cando un pacto entre PSOE e BNG permitiu formar un goberno bipartito no concello.

Seguiu entón formando parte das filas do PP desde a oposición e volveu ao goberno no mandato de Jesús Vázquez, cando asumiu competencias de Infraestruturas, Medio Ambiente e Perímetro Rural e a portavocía do partido até a súa marcha ao partido fundado por Albert Rivera.

"É hora de colocar na Alcaldía a alguén que sexa un alcalde de verdade"

Que Xácome non sexa alcalde, condición sine qua non

Precisamente estas áreas, así como Cultura, Educación e Urbanismo, afirma que foron importantes na súa nova decisión. "Non foi até a semana pasada cando acordamos incluír no programa cuestións nas que veño traballando nos últimos anos e que considero chaves para mellorar a calidade de vida dos veciños de Ourense", manifestou.

Deste modo, proclamou que "é hora de colocar na Alcaldía a alguén que sexa un alcalde de verdade", entendendo que Gonzalo Pérez Xácome non o é, e confirmou que esta mesma mañá trasladou a súa decisión á organización de Ciudadanos, que respondeu co "máximo respecto".

"Farei o imposíbel para que Xácome non sexa alcalde, é o que merece a cidade. Nunca levantarei a man para facelo alcalde, é unha das condicións para volver", sentenciou con rotundidade Araújo. Se o PP asina un novo pacto co actual rexedor, promete que marchará.

Pepe Araújo non esperará ao próximo pleno municipal para deixar a acta de concelleiro e renunciará xa á dedicación exclusiva no Concello, "probabelmente esta mesma semana", cando remate todo o "traballo administrativo" para fechar a súa etapa como edil da formación laranxa, que tamén coordinou na provincia.

Comentarios