28-M

Bugallo dimite como líder do PSOE compostelán e non recollerá a súa acta de edil

Sobre a súa substitución á fronte do grupo municipal ou no PSOE compostelán, Bugallo non quixo entrar.
O até o 29 de maio alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera O até o 29 de maio alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O alcalde en funcións de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, presentou na mañá desta segunda feira a súa renuncia como secretario xeral dos socialistas composteláns, á vez que confirmou que non asistirá ao pleno de constitución da nova corporación local, que será o sábado 17 de xuño.

Así o explicou nunha rolda de prensa no consistorio compostelán, na cal apuntou que o pleno que elixirá ao novo alcalde da cidade será o 17 de xuño, tal e como acordaron os grupos, e engadiu que el non asistirá, xa que non recollerá a súa acta de edil, como anunciou xa na noite electoral.

Dimisión

Do mesmo modo, engadiu que presentou a súa dimisión tamén como secretario xeral do PSOE de Santiago, aínda que recoñeceu que o fixo antes de coñecer a convocatoria de eleccións xerais para o 23 de xullo e dixo aos seus compañeiros que está "disposto" a "seguir en activo até o 24 de xullo" se así o estiman. "Non é que me queira escapar", manifestou.

Sobre o futuro goberno de Santiago, Bugallo dixo que non lle corresponde a el fixar xa os pactos electorais, pero lembrou que "tradicionalmente" o PSOE e o BNG teñen o acordo de apoiar a "a lista máis votada" dos dous, á vez que apuntou que "en Santiago sería difícil de explicar que, habendo 14 concelleiros que conforman unha maioría progresista, non houbese un goberno progresista".

Sobre a súa substitución á fronte do grupo municipal ou no PSOE compostelán, non quixo entrar.

Comentarios