28-M

Formoso gaba a xestión de Bugallo fronte ás "amálgamas nacionalistas" e o "espectáculo do PP"

O líder dos socialistas na Galiza acusa os 'populares' de rematar o seu goberno en 2015 "con toda a corporación imputada e dimitida".
Valentín G. Formoso acompañou o alcalde socialista Xosé S. Bugallo por Santiago nas festas da Ascensión. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín G. Formoso acompañou o alcalde socialista Xosé S. Bugallo por Santiago nas festas da Ascensión. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou esta quinta feira a "solvencia personificada" no alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, fronte ás "amálgamas nacionalistas" e o "espectáculo" do PP. O responsábel socialista na Galiza e o candidato á reelección na capital galega visitaron os postos montados nas Festas da Ascensión, que coinciden no ecuador da campaña electoral.

De feito, no seu percorrido e á entrada da Alameda, a comitiva socialista, na que estaban entre outros o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe, cruzouse coa vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, quen acudiu á capital galega acompañada dos membros da candidatura de Compostela Aberta.

En declaracións aos medios, Formoso defendeu a solidez do proxecto de Bugallo fronte á "amálgama de proxectos nacionalistas que segregan" e que, malia que asegurou respectar estas opcións, dixo que "non poden liderar o proxecto de cidade". Despois da alusión ao anterior goberno, referiuse ao "espectáculo" do PP á fronte da cidade, que rematou con "toda a corporación imputada e dimitida", sometendo a capital a unha "presión política indignante".

O xefe de filas dos socialistas galegos defendeu a figura dun "grande do socialismo e de Compostela" como na súa opinión é Bugallo, que constitúe "unha referencia" para a cidade desde os seus inicios no equipo do alcalde Xerardo Estévez. Formoso sinalou que o actual rexedor e o seu equipo "veñen protagonizando todos os cambios transformadores desta cidade" nos últimos anos.

Lembrou así o seu "papel protagonista" na negociación do Estatuto de Capitalidade, o desenvolvemento do urbanismo sustentábel que dotou a cidade dos equipamentos que desprega toda a Galiza. Unha capital do país, dixo, que conta con polígonos industriais, oportunidades de traballo e centros de investigación referentes que foron "creados ao amparo de Bugallo".

"Esta cidade necesita a Pepe Bugallo", afirmou, antes de salientar que foi quen negociou que Compostela fose a sede do próximo cumio de ministros de Economía da Unión Europea para negociar o futuro do proxecto europeo.

Pola súa parte, o actual alcalde e candidato socialista á reelección fixo un resumo de argumentos para sentirse "orgullosos" de Santiago. Así, lembrou que é a cidade que "máis emprego crea" da Galiza, a que ten "máis investigación, máis desenvolvemento tecnolóxico punteiro en ámbitos como a biomedicina e a que ten menos paro" do país.

Aliás, pediu o apoio da cidadanía para "seguir construíndo sobre o xa construído" con novos proxectos de investigación, a implantación das novas tecnoloxías, novos proxectos de vivenda e articular e integrar o crecemento para configurar un novo Santiago.

Comentarios