28-M | En directo

Goretti Sanmartín será alcaldesa de Compostela

Por vez primeira, a capital galega terá alcaldesa: Goretti Sanmartín, a candidata do BNG á Alcaldía, ao subir 4 actas, das 2 que obtivera a formación nacionalista en 2019 ás 6 de 2023.

Goretti Sanmartín será a próxima alcaldesa de Santiago.
photo_camera Goretti Sanmartín será a próxima alcaldesa de Santiago.

Resultado histórico do BNG en Compostela: Goretti Sanmartín será a primeira alcaldesa da cidade. Dos 2 escanos de 2019, o BNG pasa a 6, conseguindo o total do 23,5% dos sufraxios fronte ao 9,3% de 2019.

O resultado avanzárao a enquisa de GAD3 para a CRTVG. Nós Diario xa dera conta da tendencia á alza da candidata nacionalista, que na última semana conseguira sumar apoios como o do actor Luís Zahera, e informara de que o voto das persoas indecisas sería chave para decantarse por un Goberno encabezado polo socialismo ou polo nacionalismo.

En declaracións aos medios de comunicación, pasadas as 23 horas, Sanmartín puña de manifesto que "comeza unha nova etapa, un cambio de ciclo, un futuro novo" polo que apostaron máis de 11.400 veciñas e veciños. Salientou que o BNG foi a forza que "deu ilusión, esperanza e ganas de cambio". "A poboación falou, as veciñas e veciños falaron e dixeron ben claro que querían ter unha alcaldesa por primeira vez na capital da Galiza", engadiu.

A nacionalista dedicou o resultado "a todas as que nos precederon e abriron camiño". Agregou que a capital da Galiza terá, por vez primeira, unha alcaldesa "feminista e nacionalista" que "gobernará para o conxunto da sociedade". Incidiu en que "temos un proxecto para o conxunto da sociedade, para todo o concello".

Tamén sobe, pero en menor medida que o BNG, o PP, da man de Borja Verea, que pasa dos 10 edís de 2019 aos 11 de 2023. Ten, así, o apoio do 37,6% do electorado, fronte ao 29,1% de 2019.

Bugallo non tomará posesión

A maior caída sófrea o PSOE comandado polo actual alcalde, Xosé Bugallo, que cede a primeira praza ao PP e cae até a terceira posición. Perde, así 4 actas a respecto dos comicios de 2019, cando sumara un total de 10 representantes e o 34,6% dos apoios, fronte ao 21,7% de 2023.

O actual rexedor, en declaracións aos medios, nunha comparecencia na que non aceptou preguntas, apuntou que "cómpre abrir unha nova etapa política, na que eu xa non estarei". "A miña intención é non tomar posesión [como concelleiro], co cal darei por finalizado o meu mandato o 16 de xuño", engadiu.

Bugallo asegurou que seguirá a disposición do PSdeG e apelou á conformación dun Goberno de maioría progresista.

Tamén descende a candidatura Compostela Aberta, encabezada por María Rozas. A formación, constituída, entre outros partidos, por IU, Anova e Podemos e que contaba co apoio explícito da ministra de Traballo e líder de Sumar, Yolanda Díaz, fica con só 2 representantes dos 5 que conseguira en 2019, ano en que recadara o apoio do 20,3% do electorado, fronte ao 9,1% destes comicios.

Comentarios