Alcalde e candidato do PSdeG á reelección

Xosé Sánchez Bugallo: "Tras oito anos de parálise recuperamos o pulso da cidade"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Xosé Antonio Sánchez Bugallo, alcalde desde 2019 e anteriormente entre 1998 e 2011, repite nestes comicios como candidato do PSdeG-PSOE en Santiago de Compostela.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo (Foto: PSdeG).
photo_camera O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo (Foto: PSdeG).

—Que balance fai do seu mandato á fronte do Goberno de Santiago? Como mudou a cidade nestes catro anos?
O balance é realmente positivo. Despois de oito anos de parálise, neste mandato os socialistas fomos quen de recuperar o pulso da cidade. E fixémolo nun contexto que demostra a nosa experienca e solvencia, xa que xestionamos unha crise sen precedentes, e o fixemos apoiando ás persoas e aos sectores máis desfavorecidos: apoiando o pequeno comercio, a hostalaría, o sector cultural e o pequeno empresariado. E fomos quen de facelo sen deixar de lado os temas que eran os grandes retos desta cidade, recoñecidos e ratificados en pleno por todos os grupos ao inicio do mandato.

E sen deixar de impulsar en todo momento os acordos do Foro Cívico, que están a día de hoxe todos en marcha: a industrialización, a intermodal, a EDAR, a mellora das conexións e infraestruturas e a modernización da Administración local.

Os datos avalan que Santiago vai. Os avances en materia de industrialización son patentes e confírmanse con resultados. Por exemplo, no parque empresarial da Sionlla, onde só se outorgaron media ducia de licenzas antes de chegar nós ao goberno. Neste mandato, con este Goberno, outorgáronse 87. Polo tanto, na política de apoio ao tecido produtivo estamos vendo uns magníficos resultados, practicamente o polígono está cheo.

Neste mandato tivemos clara a nosa principal prioridade: as persoas

A intermodal está hoxe en marcha, e a nova estación está en proceso de construción. A EDAR da Silvouta, que estaba bloqueda cando chegamos ao goberno, está agora desbloqueada coa obra adxudicada e a declaración de impacto ambiental aprobada. O Orbital, a punto de concluír; e centrándonos no Orbitaliño. E a modernización da administración electrónica xa é unha realidade.

E, sobre todo, neste mandato tivemos clara a nosa principal prioridade: o primeiro foron as persoas. Durante a crise, fomos quen de dar resposta ás necesidades máis perentorias da sociedade, actuando en tres eixos fundamentais. O primeiro, apoio ás persoas en situación máis vulnerábeis co incremento dun 85% dos recursos destinados ao SAF, e a iso sumámoslle a posta en marcha do SEMUS, o Servizo de Urxencias Sociais. O segundo, apoio aos sectores económicos máis gravemente afectados pola crise, como o comercio, a hostalaría ou o sector cultural, con máis de nove millóns de euros en axudas para impulsar a reactivación económica, que teñen a súa continuidade nos Bonos Corazón de Compostela, co obxecto de incentivar o consumo no comercio e hostalaría local, sobre todo entre a xente moza. E o terceiro, o mantemento, en condicións moi difíciles, dos servizos públicos, como o transporte, ou a reprogramación dos espectáculos culturais suspendidos durante a tempada de emerxencia sanitaria.

—No caso de continuar na Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Eu creo que as actuacions prioritarias do goberno teñen que estar orientadas na ampliación e diversificación do tecido económico da cidade. Ten que seguir sendo un reto primordial. Outro reto importante sería a revisión do Plan Especial da Cidade Histórica, despois de facer fronte a outro desafío que é a proliferación de vivendas de uso turístico. Levaríase a cabo priorizando e facilitando a habitabilidade, o uso residencial da zona histórica e apostando por un comercio de proximidade orientado cara a esa poboación.

Outro reto é a política de vivenda. É o complemento necesario da ampliación da base económica. E ímolo facer recuperando a empresa de vivenda e solo, EMUVISSA. Facilitando que a poboación no só traballe en Santiago, senón que tamén poida residir na nosa cidade. Creo que estes son os tres principais retos do próximo mandato.

—Unha das cuestións que máis preocupa á cidadanía é o auxe das vivendas turísticas en contraposición coa cada vez máis escasa e cara oferta de aluguer. Que medidas adoptaría para atallar esta situación?
Están adoptadas. É a modificación do Plan Xeral, xustamente para controlar e reordenar a proliferación de vivendas de uso turístico, acompañada diante dos tribunais, da defensa de que precisan título habilitante municipal porque se trata dunha actividade económica. Cómpre dicir que os tribunais están apoiando plena e totalmente a actuación municipal.

Os tribunais están apoiando plena e totalmente a actuación municipal

—O Concello aprobou en febreiro unha nova regulación dos pisos turísticos e agora está sobre a mesa a imposición dunha taxa turística. Considera necesarias (e, en caso de que si, suficientes) este tipo de políticas, tendo en conta por unha parte a crecente crispación dun amplo sector da cidadanía e por outra o importante papel que xoga o sector do turismo en Santiago?
Creo que é absolutamente necesario. A taxa turística é unha cuestión de xustiza e de equilibrio. Non creo, porque está suficientemente acreditado, que teña repercusión negativa algunha sobre o turismo. En cambio, creo que vai axudar a que moitos cidadáns de Compostela entendan que o turismo non só é unha actividade económica que beneficia a moitos, se non que é algo que nos beneficia a todos e todas.

Cremos que a recadación desa taxa debe ir ligada aos intereses que cada concello determine. No caso do Concello de Santiago apostamos por que se destine un 50% para a rehabilitación da zona histórica, outro 20% para compensar o sobrecusto que soportan os composteláns en certos servizos pola presión turística e o 30% restante para a programación de actividades culturais para cidadanía e turistas en tempada alta.

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
Creo que Santiago ten un amplísimo abano de servizos sociais. Nese senso é unha cidade modélica, non só pola prestación de servizos, tamén pola oferta de servizos: renda social; comedores escolares xestionados polo Concello; bolsas para comedor, material escolar e actividades extraescolares; axuda ás familias con dificultades na súa vivenda; Servizo de Asistencia no Fogar (SAF) sen lista de espera, con 700 persoas atendidas... Recordo que o anterior Goberno de Compostela Aberta chegou a ter a 200 usuarios e usuarias en lista de espera.

Sen dúbida, Santiago sobresae en políticas sociais, con relación ao conxunto das cidades galegas. Temos que seguir avanzando na coordinación con outras administracións e cos axentes sociais que interveñen neste ámbito.

Entre as propostas de futuro? Camiñamos cara unha sociedade cada vez máis envellecida, e con máis persoas en situación de soidade. Desde este goberno xa estamos a traballar nese apoio ás persoas que viven soas, a través do Servizo de Axuda no Fogar, o SAF, onde non existe lista de agarda, e a máis longo prazo, co centro que temos previsto abrir na rúa de San Pedro de Mezonzo. Un centro de servizos polivalente, destinado preferentemente a persoas maiores, xa que o Ensanche e Pontepedriña son dous dos barrios onde se contabiliza unha maior porcentaxe de persoas que viven soas. Pero non son os únicos. Por iso apoiaremos tamén a creación de centros de día en Fontiñas e noutros puntos de Santiago.

E tamén imos seguir prestando a atención que require a infancia. Contamos cunha oferta de prazas en escolas infantís públicas e concertadas que supera o 50% da poboación censada en Santiago de 0 a 3 anos; cubrindo, actualmente, a demanda de prazas de educación infantil no noso municipio.

Santiago sobresae en políticas sociais con relación ao conxunto das cidades galegas

—O enlace Orbital, a terminal ferroviaria do AVE ou a nova EDAR son algunhas das cuestións que seguen a centrar as miradas da cidadanía. Cales son, ao seu xuízo, as prioridades de Santiago no que atinxe ás infraestruturas?
Estas tres infraestruturas citadas están agora mesmo en construción ou coas obras adxudicadas. Eran tres temas que quedaran bloqueados desde o ano 2011 ao 2019. Actualmente están desbloqueados. En dous casos, o Orbital e a terminal ferroviaria, están en construción. E o terceiro, a EDAR, como xa comentei, están as obras adxudicadas e a declaración de impactoambiental aprobada. Polo tanto, contamos con empezar as obras antes de verán.

Creo que son tres temas resoltos. Agora o que debemos facer é completar o Orbital co Orbitaliño, e confiamos na súa aprobación inminente. E completar a autovía Santiago-Lugo, con todos os tramos actualmente en construción e a previsión de que estea completada para o ano 2024.

—A xestión das augas é outro punto fundamental, coa licitación do novo contrato, que marcará o rumbo dos próximos anos, ás portas da súa aprobación. Que propón para mellorar o servizo?
Non é exactamente así. Si estaba listo o contrato para saír a licitación, pero a oposición, PP, Compostela Aberta e BNG, bloqueárono en pleno. Compostela Aberta sempre manifestou a súa intención de remunicipalizar o servizo, algo inviábel polo investimento que se precisa, pero o seu voto reflectiu a súa posición. Sen embargo tanto PP como o BNG votaron en contra por pura estratexia electoralista, e sendo conscientes do prexuízo que iso causaría ás veciñas e veciños. É evidente que non é críbel que o Partido Popular aposte por outra modalidade contractual. E polo que respecta ao BNG, tanto en Pontevedra como en todas as vilas que goberna, a auga está concesionada.

Compostela precisa facer un grande investimento público en materia de auga e saneamento. Temos unha rede que en parte está quedando obsoleta, con máis de 50 anos, polo que debe ser substituída. Temos centros de distribución cunha antigüidade de máis de 90 anos, que deben ser reforzados. Temos que completar o subministro de auga e saneamento no rural, e teremos que renovar a planta de tratamento de auga potábel, que ten máis de 35 anos. Todo isto require enormes investimentos.

Estaba listo o contrato para saír a licitación, pero a oposición, PP, Compostela Aberta e BNG, bloqueárono en pleno

—Que actuacións debería acometer o Concello en materia de mobilidade? Estamos neste momento en fase de redacción do PMUS, o Plan Especial de Mobilidade Urbana Sostíbel, que xustamente está estudando en profundidade este tema. E está en licitación o novo contrato de transporte público, que xunto co transporte á demanda para aquelas partes da zona rural con menor densidade de poboación e para os veciños da cidade histórica; debe configurar unha alternativa de transporte público potente.

O PMUS recolle a mobilidade peonil como prioritaria, o transporte público tanto no ámbito urbano como nas parroquias e na área metropolitana de Santiago e o fomento de medios de comunicación brandos como pode ser a bicicleta.

Recuperaremos, como non pode ser doutro xeito, os aparcamentos de Praza de Vigo e de Praza da Galiza. No próximo mandato ambas as concesións terminarán e será o momento de xestionalas desde a empresa municipal TUSSA, para poder ofertar prazas de aparcamento a un prezo razoábel e estudar a posíbel oferta tamén para residentes.

—Que papel xogará durante o seu mandato (se así o permite o resultado das urnas) Santiago de Compostela como capital da Galiza?
Santiago é a capital da Galiza, e debe ser unha referencia coa que todos os galegos e galegas se sintan identificados. Compostela xoga un papel de nexo de unión entre o norte e o sur e de exemplo de colaboración e de lealdade institucional.

Comentarios