Borja San Ramón: “O cambio non se logra coa esquerda de muleta do PSOE”

Borja San Ramón (Ferrol, 1991) fará en decembro un ano á fronte da secretaría xeral de Podemos na Galiza. Militante da formación morada desde a súa fundación, está convencido que das próximas eleccións galegas saíra un Goberno alternativo ao do Partido Popular, onde a súa organización terá un papel decisivo.

Borja San Ramón, secretario xeral de Podemos na Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Borja San Ramón, secretario xeral de Podemos na Galiza. (Foto: Europa Press)

—A comezos de novembro desde Podemos presentaron un documento onde facían un chamado a conformar unha candidatura para as eleccións galegas, sobre que bases se debe articular esa proposta e onde sitúa as liñas vermellas a súa formación?

Para nós, o urxente e o prioritario é a creación dun proxecto político de cara ás eleccións galegas que sexa capaz de mobilizar politicamente moita xente que dentro do campo de esquerdas e do campo progresista se ten mobilizado nestas últimas eleccións estatais, onde o noso espazo político quedou como terceira forza, até o punto de que a suma dos votos do PSOE, do BNG e do noso espazo político representa máis sufraxios que a do PP e Vox.

Aspiramos a ofrecer un proxecto de esquerdas, republicano, plurinacional e con conciencia nacional da Galiza, que mobilice o corpo progresista para visualizar unha alternativa ao Partido Popular e ao Goberno de Rueda. Un Goberno alternativo ao PP que poña en valor os servizos públicos, desde a sanidade á educación, e amose capacidade de vertebrar o territorio. Un Goberno que sexa capaz de ir máis alá en cuestións como o turismo, apostando por un modelo sustentábel.

En definitiva, toca facer visíbel a posibilidade dun Goberno alternativo ao PP.   

—Nas últimas semanas téñense sucedido conversas entre diferentes actores de cara a concretar unha candidatura unitaria para os comicios galegos, como se están desenvolvendo e cal é a resposta á súa proposta por parte dos diferentes interlocutores?

Nós trasladamos a nosa proposta a todos os actores políticos do país, estamos falando con moitos deles e a nosa intención é pórnos a traballar con toda a xente que coincida con este proxecto político. A partir de aí hai cuestión que para nós son fundamentais como ter un proxecto político plenamente definido, ter candidaturas participadas politicamente que estean lexitimadas a través da participación popular ou ter un candidato ou candidata solvente, cuestións nas que estamos neste momento a traballar para visualizar a alternativa.

—Un dos retos que ten por diante a candidatura que se conforme arredor de Sumar, como acaba de sinalar, é designar o seu candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, na súa opinión que criterios debe cumprir esa persoa?

Ten que ser un candidato capaz de mobilizar, de ilusionar o noso espazo político, de traballar por un proxecto común e de alcanzar entendementos con outras forzas, tendo claro que aquí a posibilidade de cambio de Goberno e de articular un Goberno alternativo ao do Partido Popular de Rueda pasa polo acordo entre diferentes formacións.

—Acabamos de coñecer por un medio de prensa que o Partido Socialista estaría estudando propor a Sumar unha alianza electoral  para as galegas en Lugo e Ourense, que pensa ao respecto?

Podemos xa lle ofreceu un acordo electoral a Sumar e segue agardando a súa resposta. En relación coa filtración á que se refire, vexo grupos de opinión con centro en Madrid prescribindo ás galegas e aos galegos como debemos ir ás eleccións. Hai quen cre que 'en provincias' só servimos para os xogos da Corte. A alternativa de cambio fronte ao PP constrúese na Galiza e non nos faladoiros da Corte. Constrúese sumando a pluralidade da esquerda da Galiza, sen subordinación a ningunha forza do vello bipartidismo. Constrúese con política transformadora. O cambio non se logra coa esquerda sendo muleta do PSOE.

As liñas da proposta de Podemos

Borja San Ramón traballa coa vista posta nas eleccións galegas. Neste sentido, lembra que "Podemos na Galiza veu apostando desde o inicio da nosa formación en 2014 polos procesos de acumulación de forzas como a mellor ferramenta" e aposta por “unha coalición unitaria das forzas do país", con presenza de Esquerda Unida, Sumar e “de todas aquelas formacións dispostas a participar no proxecto”.

San Ramón  apunta a Nós Diario que “o que si podo asegurar é que máis alá do que decidan o resto de actores do campo político é que Podemos Galiza e o seu proxecto político vai estar presente nestas eleccións galegas”. Neste sentido, lembra que "de 55.000 persoas que participaron na última consulta a nivel do Estado para a cuestión sobre a investidura, en Podemos Galiza, en concreto, votaron 2.764 inscritas e inscritos galegos”.

Comentarios