Sumar aspira a concorrer con Podemos e EU nas galegas: "É o que queren os progresistas deste país"

Urtasun asegura que a candidatura de Sumar, tanto na Galiza como en Euskadi, será ratificada "de forma democrática".
Ernest Urtasun, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Ernest Urtasun, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O ministro de Cultura e portavoz de Sumar, Ernest Urtasun, asegurou esta segunda feira que a elección dos candidatos e candidatas ás futuras eleccións galegas e vascas farase "de forma democrática". E o obxectivo en ambos os casos, asegurou, é contar con Podemos e Esquerda Unida para emular o modelo de confluencia das eleccións estatais e xestar unha ampla coalición de esquerda.

En rolda de prensa desde a sede do partido en Madrid, Urtasun precisou que aínda non están en disposición de anunciar cabezas de lista nin na Galiza nin en Euskadi, dado que agora están aínda en plena despregadura orgánico de Sumar tras constituírse como formación en ambos os territorios, un movemento adiantado en exclusiva por Nós Diario a pasada semana. Paulo Carlos López foi elixido portavoz de Movemento Sumar Galicia.

Urtasun matizou que, en calquera caso, traballan na mesma "lóxica" que primou nas eleccións estatais, dado que a conformación dunha confluencia ampla, con Podemos dentro, "foi esencial" para reter o Goberno progresista, dixo.

"Eu creo que os progresistas deste país, nun contexto de avance da dereita en toda Europa, queren que traballemos de forma conxunta", argumentou o tamén ministro de Cultura, cuestionado sobre se lle preocupa que a nova estratexia dos morados, de dispor de máis autonomía e condicionar alianzas electorais a primarias abertas, afecte as opcións de conformar unha gran coalición nos dous territorios.

E precisamente sobre o método de elección dos candidatos, Urtasun sinalou que o definirán proximamente, pero "obviamente", incidiu, van ser ratificados "de forma democrática". "Diso non lles caiba ningunha dúbida, temos máis tempo que a última vez, que tivemos que facer a coalición 'a toda pastilla' —polo adianto das eleccións estatais—", resolveu o portavoz de Sumar.

Tanto Esquerda Unida como Podemos incrementaron a pasada sexta feira a súa presión para fechar un acordo de cara ás eleccións galegas sobre o movemento Sumar, que acaba de constituírse esta semana na Galiza co obxectivo de presentarse aos comicios.  A forza morada, ao igual que EU, aposta por unha coalición, unha fórmula que neste momento estaría aceptada por Sumar, e apreman a sinatura dun acordo do que, polo menos polo de agora, non forma parte Anova, forza que anteriormente concorreu nas eleccións galegas da man da esquerda estatal.

Comentarios