Podemos e Esquerda Unida urxen un acordo con Sumar mais obvian Anova

Os de Martiño Noriega evitan facer "ningunha valoración" do movemento polo de agora.
Feche de campaña de Sumar en Santiago. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Feche de campaña de Sumar en Santiago. (Foto: Nós Diario)

Tanto Esquerda Unida como Podemos incrementaron esta sexta feira a súa presión para fechar un acordo de cara ás eleccións galegas sobre o movemento Sumar, que acaba de constituírse esta semana na Galiza co obxectivo de presentarse aos comicios, tal e como adiantou Nós Diario na segunda feira.

"Para nós, o urxente e o necesario pasa por poñer a andar un proxecto político que sexa capaz de mobilizar moita xente do espazo da esquerda", declarou en conversa con este xornal o secretario xeral de Podemos na Galiza, Borja San Ramón. "Nas pasadas elección xerais o voto de PSOE, Sumar e BNG superou PP e Vox, o que evidencia que é posíbel derrotar ao PP e conformar un Goberno alternativo á dereita. Cómpre mobilizar o campo progresista e visibilizar que a alternativa é posíbel", aclarou o dirixente.

A forza morada, ao igual que Esquerda Unida, aposta por unha coalición, unha fórmula que neste momento estaría aceptada por Sumar, e apreman a sinatura dun acordo do que, polo menos polo de agora, non forma parte Anova, forza que anteriormente concorreu nas eleccións galegas da man da esquerda estatal.

Esquerda Unida, pola súa parte, sinalou esta sexta feira que xa clarificou a súa posición favorábel de cara a unha coalición con Sumar e Podemos, e urxiu fechar a incerteza sobre a posíbel unión entre forzas a través dun comunicado.

Desde Anova sinalan a Nós Diario que están a "manter contactos e diálogo cos espazos á esquerda do PSdeG", mais que non fan "ningunha valoración a respecto da dinámica de Podemos, Esquerda Única e Sumar".

Neste sentido, a Coordinadora Nacional de Anova acordou no mes de outubro abrir un proceso para "fixar un lugar de encontro desde o que volver facer a Galiza un país para a maioría".

Comentarios