Esquerda Unida pide "axilidade" para fechar unha coalición con Podemos e Sumar de cara ás eleccións galegas

Esquerda Unida cre que este acordo debe pasar por "un idóneo recoñecemento das partes" e por que o espazo político teña un "traballo democrático".
Eva Solla en rolda de prensa (Foto: Esquerda Unida).
photo_camera Eva Solla en rolda de prensa (Foto: Esquerda Unida).

Esquerda Unida (EU) reuniu este sábado o seu máximo órgano de dirección, que aposta por conformar con "axilidade" unha coalición con Podemos e Sumar para concorrer conxuntamente ás eleccións galegas que decorrerán en 2024.

A través dun comunicado, a coordinadora nacional de EU, Eva Solla, manifesta que, tras 14 anos do PP na Xunta da Galiza sen que se atendesen aos problemas "centrais" do país, é necesaria unha "proposta política firme" na cal "as forzas da esquerda poidan chegar a acordos para formalizar unha coalición", igual que o fixeron nas pasadas estatais.

"Traballo democrático"

Iso si, Esquerda Unida cre que este acordo debe pasar por "un idóneo recoñecemento das partes" e por que o espazo político teña un "traballo democrático".

A Coordinadora Nacional, máximo órgano de EU, pronunciouse este sábado a favor de axilizar unha coalición electoral con Podemos e Sumar, aínda que o comunicado non menciona explicitamente outros partidos que no pasado formaron parte dese espazo, como Anova.

Eva Solla lamenta que a inflación de bens básicos na Galiza se situase "en máis de 10%" en 2022, así como que os galegos teñan "cada vez máis dificultades para facer fronte a gastos básicos" como acceder a unha vivenda.

"Mentres, a Administración galega segue sen exercer as súas competencias en materia de vivenda, emprego, industria e un longo etcétera. E paralelamente o Goberno español decide manter unha rebaixa fiscal coa que leva quince anos impedindo que se invista máis en sanidade ou atención ás persoas dependentes", engade.

Comentarios