O BNG xa goberna en 32 concellos á espera de que Corcubión, Ribeira, Muros e Mazaricos se constitúan

Tras os resultados das eleccións municipais do 28 de maio, un total de 358.893 galegos e galegas residen en concellos liderados polo Bloque.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante a noite electoral. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante a noite electoral. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O BNG goberna desde este sábado 32 concellos, 17 deles con maioría absoluta, á espera de que o 7 de xullo se conformen as corporacións de Corcubión, Ribeira, Muros e Mazaricos, demora que se produce tras presentar o PSOE un recurso electoral.

Os 17 concellos nos cales o BNG gobernará con maioría absoluta son Carballo, Moeche, San Sadurniño, Santiso, Toques, Zas, A Pobra do Brollón, Catoira, Moaña, Mondariz-Balneario, Tomiño, Allariz, A Mezquita, Montederramo, A Teixeira, Verea e Vilar de Santos.

A esta lista sumarase o concello de Mazaricos, municipio onde o Bloque revalidou a súa maioría absoluta o pasado 28-M, co que terá a Alcaldía calquera que sexa o resultado do recurso interposto polo Partido Socialista.

Os concellos nos cales o BNG lidera o goberno local son as cidades de Santiago de Compostela e  Pontevedra, así como os municipios de Arzúa, Fene, Barreiros, Muras, Samos, Soutomaior, Barro, Bueu, Cangas, Pontecesures, O Rosal, A Rúa e Vilar de Barrio.

Ramirás, Viana do Bolo e A Guarda

Pese a ser a forza máis votada ou a primeira alternativa ao PP en Ramirás, e Viana do Bolo o PSOE non facilitou un goberno liderado polo Bloque. O mesmo paso no concello de Mugardos onde a falta de apoio de EU deu a Alcaldía ao PP. Na Guarda a Alcaldía pasa ao PP polo apoio dun concelleiro independente.

Tras os resultados do 28-M un total de 358.893 galegos e galegas residen en concellos gobernados polo BNG, a espera das catro corporacións  pendentes de constitución, tres das cales dependen de pactos de gobernabilidade e nos que a formación nacionalista é a forza máis votada ou a primeira alternativa ao PP.

Comentarios