O BNG fai públicas as súas cabezas de lista ao Congreso e ao Senado para o 23-X

As listas inclúen de número dous a Rosana Pérez pola Coruña, Cristina López en Lugo; Eugenio Quintas por Ourense e Brais Ruanova por Pontevedra.

Néstor Rego, Carme da Silva, Noa Presas e Daniel Castro, cabezas de lista do BNG ao Congreso (Foto: Nós Diario).
photo_camera Néstor Rego, Carme da Silva, Noa Presas e Daniel Castro, cabezas de lista do BNG ao Congreso (Foto: Nós Diario).

O Consello Nacional deu luz verde ás candidaturas do BNG ás eleccións xerais do 23 de xullo, unhas listas de “país” que combinan renovación xeracional con experiencia e traballo acreditado no Congreso, candidaturas que na Coruña lidera Néstor Rego, Daniel Castro por Lugo, Noa Presas por Ourense e Carme da Silva por Pontevedra.

Ao até agora deputado na Cámara baixa pola provincia da Coruña sigue como número dous Rosana Pérez,  actual portavoz parlamentaria de pesca que xa representou ao BNG no Congreso na X Lexislatura. En Lugo, a número dous é María Cristina López, concelleira da Area de participación no goberno local da cidade no pasado mandato, nunha candidatura que encabeza Daniel Castro, o deputado máis novo do Parlamento galego, onde exerce como portavoz de deportes, novas tecnoloxías e ante a Valedoría do Pobo.

En Ourense, ao lado da deputada e portavoz de Enerxía, Noa Presas, ocupa o número dous, Eugenio Quintás, médico no Hospital de Verín e concelleiro nese municipio; mentres que pola provincia de Pontevedra Carme da Silva, concelleira no goberno de Lores e membro da Executiva Nacional, encabeza unha candidatura na que figura como número dous Brais Ruanova, responsábel comarcal en Vigo.

"As candidaturas recollen unha representación plural e diversa da sociedade galega, tanto desde un punto de vista territorial, xeracional, como profesional, con nomes destacados como o escritor Suso de Toro ou o director da Mostra de teatro de Ribadavia, Roberto Pascual", indica o BNG.

En canto á candidatura ao Senado, destacan entre outros, os nomes de Xesús Gómez pola Coruña; o crítico literario Ramón Nicolás, por Pontevedra; por Lugo a activista da sanidade pública Montse Porteiro e por Ourense o ex alcalde de Castrelo de Miño Xurxo Rodríguez.

“Imos a por todas cunhas candidaturas de país porque o noso obxectivo é defender Galiza, facer valer Galiza, darlle unha voz forte a nosa nación para facernos escoitar ante o Estado”, sintetizou Pontón. A portavoz nacional subliñou que sobran os motivos para coller a papeleta do BNG o próximo 23 de xullo pero sintetizou as dúas grandes motivacións para optar polo Bloque.

“Demostramos con feitos que pelexamos por avanzar en dereitos e liberdades, tanto para Galiza como para o conxunto da cidadanía do Estado. O BNG sempre está do lado da maioría social, da clase traballadora: como cando defendemos a derrogación íntegra da reforma laboral do PP ou da Lei Mordaza”, indicou a modo de exemplos.

“Demostramos que o nacionalismo galego é sinónimo de políticas para as maiorías e en clave de País, realizando da man do noso deputado Néstor Rego un traballo intenso, no que nada importante para Galiza nos foi alleo, tanto desde unha perspectiva nacional como social”, subliñou. Neste sentido, o Bloque no Congreso deulle voz aos sectores produtivos; puxo na axenda as necesidades en infraestruturas, serviu para denunciar o espolio eólico ou a discriminación nos investimentos do Estado.

Pero tamén reclamou medidas sociais contra a crise de prezos, defendeu un modelo enerxético a favor da maioría social, puxo sobre a mesa a débeda en dependencia e pelexou para mellorar os dereitos sociais como o aumento das pensións e recuperar a idade de xubilación aos 65 ou o incremento do SMI.

“En definitiva, o traballo do BNG no Congreso demostrou que somos unha forza política coas mans libres para defender Galiza, útil para facer valer os nosos intereses ante o Goberno do Estado, capaz de darlle a este País voz en Madrid e sempre a favor da maioría social, porque somos incansábeis na defensa de máis dereitos, máis liberdades e máis benestar”, recalcou na súa intervención ante o Consello Nacional.

Comentarios