O BNG volverá preguntar no Congreso pola chegada dos trens Avril á Galiza

Néstor Rego subliñou a necesidade de que o Goberno español “informe adecuadamente e con transparencia” de cales son as trabas, en que punto do proceso se atopa e mesmo detalle se hai problemas coa homologación.
Tren 'Avri' de Talgo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Tren 'Avri' de Talgo. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha nova batería de preguntas sobre a demora da posta en marcha dos trens Avril na Galiza, co obxectivo de coñecer as datas en que abrirá o servizo ferroviario.

O deputado da formación nacionalista exixiu explicacións e insistiu en que se concreten as unidades que se entregarán e conectarán as principais cidades do país. Así mesmo, pregunta sobre as accións que levará a cabo o Goberno español polo incumprimento de contrato da empresa Talgo e se a denunciará, tal e como sinalou nos medios de comunicación.

No pasado mes de xuño, o BNG rexistrou no Congreso unha primeira batería de preguntas sobre a posta en marcha dos trens Avril na Galiza e o seu Plan de Homologación. Solicitaba, daquela, información detallada para coñecer a previsión marcada polo Executivo estatal para a fase de probas, o número de trens que circularían pola rede galega e a redución de tempo estimado nos viaxes entre as principais cidades da Galiza, entre outras cuestións.

Neste sentido, Rego criticou a resposta por escrito emitida polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. “En ningún momento, na resposta, se concreta o número de unidades das que se disporán, nin as datas concretas para a posta en marcha, nin o plan de homologación” enumera Rego. O deputado do BNG subliñou a necesidade de que o Goberno español “informe adecuadamente e con transparencia” de cales son as trabas, en que punto do proceso se atopa e mesmo detalle se hai problemas coa homologación.

Conflito Renfe-Talgo

“A resposta non pode ser máis esvaradía, tendo en conta a polémica suscitada nos medios de comunicación entre Renfe e Talgo polo atraso na entrega dos trens e as dúbidas xeradas sobre o proceso de homologación” lamentou o político nacionalista.

Por unha parte, Renfe responsabiliza Talgo pola demora na entrega das trinta unidades de trens Avril que continúan co proceso de homologación. Pola outra, Talgo alega que a dilación se debe aos efectos da pandemia e remite dificultades para o desenvolvemento das probas para a homologación, das que responsabiliza Adif e Renfe.

“No medio deste lume cruzado están os intereses da Galiza que ve como se acumulan os atrasos respecto aos compromisos adquiridos en materia de renovación e modernización da frota ferroviaria”, asegurou Rego.

O deputado insistiu na necesidade de concretar un horizonte temporal para a posta en marcha dos trens que permitirán reducir o tempo de viaxe entre as principais cidades da Galiza, ao tempo que reiterou a solicitude para coñecer o número de trens que circularán pola rede ferroviaria galega.

Comentarios