O BNG oponse ao nomeamento de Feixoo e Tellado como senadores por ser un "uso partidista" das institucións

Tamén o PSdeG cre que o ex presidente da Xunta só busca "confrontar Sánchez", mentres o PP defende que é "perfectamente compatíbel" exercer de portavoz da oposición e, ao mesmo tempo, defender a Galiza como senador.
Alberto Núñez Feixoo e Miguel Tellado, o pasado 18 de abril, na Xunta Directiva do PP da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Miguel Tellado, o pasado 18 de abril, na Xunta Directiva do PP da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, afirmou esta terza feira que é "tal o despropósito" do nomeamento dos senadores por designación do Parlamento galego, que un deles, o ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "xa se está empadroando en Madrid e nin sequera vai vivir na Galiza".

En declaracións previas ao pleno extraordinario desta terza, que arrinca ás 16 horas, Rodil quixo deixar "moi claro" que a formación nacionalista "non vai apoiar a designación de Feixoo e o seu fontaneiro político [Miguel Tellado]" como senadores por designación parlamentaria.

"É bochornoso e vergoñento o uso partidista que o PP fai das institucións, como pretenden usar o Senado para recolocar Feixoo e Tellado para aforrar dous salarios ao PP, para dar un altofalante a un partido á conta dos galegos", manifestou.

O voto contrario ao nomeamento como senadores de Feixoo e Tellado xa o adiantara esta segunda feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que acusou o ex presidente da Xunta de "coller ese camiño polo seu interese" malia tratarse dunha "falta de respecto á institución".

O PSdeG cre que Feixoo só busca "desgastar Sánchez"

Tamén o portavoz do PSdeG na Cámara galega, Luís Álvarez, cargou esta segunda feira contra o movemento dos populares: "A Feixoo non lle interesa a Galiza nin os intereses desta comunidade, o que lle interesa é ter un posto para desgastar Sánchez e, de paso, cortexar á ultradereita de Vox".

Aliás, asegurou ter "curiosidade política" por saber "como afrontará" Feixoo os debates no Senado nos que os intereses da Galiza "baten" cos doutros territorios. "Se non fose preocupante, sería divertido ver a Rueda dicindo o que hai poucas semanas dicía Núñez Feixoo e ao señor Feixoo como senador pola Galiza dicindo outra cousa distinta", dixo.

"Houbo presidentes galegos como Manuel Fraga ou Fernando González Laxe que foron senadores por designación do Parlamento despois de ser presidentes, pero non adulteraron o cargo nin se desviaron das súas funcións", engadiu Álvarez.

O PP di que é "perfectamente compatíbel"

Pola súa parte, a nova secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, defendeu que é "perfectamente compatíbel" ser sernador por designación parlamentaria e, de forma paralela, portavoz da oposición, un papel que desenvolverá Feixoo en Madrid.

Aliás, cualificou de "tremendamente demagóxico" dicir que se elixen Feixoo e Tellado para "aforrar" dous soldos, posto que iso é tanto, ao seu xuízo, como "recoñecer tamén" que os cargos de representación do BNG "son para encher os petos da súa formación".

Comentarios