Feixoo e Tellado chegarán ao Senado após renunciar os populares Juan Carlos Serrano e Elena Muñoz

Unha vez se produza definitivamente a renuncia, o Parlamento galego terá que aprobar nun Pleno o nomeamento como senadores por designación autonómica do novo líder do PP e do seu vicesecretario de Organización territorial, tras ser propostos polo grupo parlamentario popular.
Alberto Núñez Feixoo e Miguel Tellado. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Miguel Tellado. (Foto: Europa Press)

Os senadores do Partido Popular (PP) por designación autonómica do Parlamento de Galiza Juan Carlos Serrano e Elena Muñoz Fonteriz formalizaron esta segunda feira a súa renuncia como parlamentarios na Cámara Alta.

Coa súa marcha o novo presidente estatal do PP, Alberto  Nuñez Feixoo, e o vicesecretario de Organización Territorial dos populares, Miguel  Tellado, serán os que ocupen esa praza.

Elena Muñoz foi a primeira en oficializar a súa renuncia como senadora, arredor das 13 horas.

Pola súa parte, Juan Carlos Serrano fíxoo pasadas as 16.45 horas, após desprazarse en coche desde a Galiza até Madrid, segundo informaron a Europa Press fontes parlamentarias.

Renuncia efectiva o 18 de maio

Os dous senadores presentaron a súa renuncia para o vindeiro 18 de maio, polo que até esa data continúan con escano na Cámara Alta.

De feito, no caso de Elena Muñoz, ten previsto realizar unha pregunta ao Goberno estatal na sesión de control desta terza feira.

Comentarios