O PP busca colocar no Senado a Alberto Núñez Feixoo para blindalo legalmente

Alberto Núñez Feixoo continúa o roteiro previsto. Após renunciar á Presidencia da Xunta para liderar o PP a nivel do Estado, disponse a entrar no Senado para facer oposición na Cámara Alta e confrontar con Pedro Sánchez. Mesmo movemento fará o parlamentario galego Miguel Tellado, vicesecretario de organización do PP español. Aliás, conseguirán a inmunidade legal derivada das prerrogativas de senadores. A falla de concretar a data do pleno do Parlamento galego para a designación, dáse por feito a toma de posesión para finais de mes.

Feixoo, en comparecencia de prensa tras a súa entrevista con Pedro Sánches, o pasado día2. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Feixoo, en comparecencia de prensa tras a súa entrevista con Pedro Sánches, o pasado día2. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Elena Muñoz e Juan Serrano, polo PP, e Xaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) son os senadores galegos por designación autonómica. Mentres o último deberá abandonar o cargo coincidindo coa apertura da nova lexislatura no Estado, para deixar paso á persoa nomeada pola segunda forza da Cámara, o BNG, os dous primeiros veñen de formalizar a súa renuncia para abrir paso a Miguel Tellado e Alberto Núñez Feixoo.

A saída de Elena Muñoz non sorprende ninguén no PP. Antiga conselleira de Facenda con Feixoo, candidata dos populares á Alcaldía de Vigo con escaso éxito, a súa posición no recente congreso do PP en Vigo apoiando o sector enfrontado a Rueda, convertíana nunha dirixente amortizada.

Un caso diferente é o de Serrano, nomeado senador en novembro de 2021 para substituír o dimisionario Jesús Vázquez, e que pasa por ser unha persoa próxima a Núñez Feixoo e a Elena Candia.

As razóns esgrimidas polos populares para defender a candidatura de Feixoo non teñen relacións coas funcións atribuídas aos senadores de designación autonómica. Se a estes considéranos representantes da súa comunidade nunha Cámara territorial como o Senado, o PP ligou o nomeamento de Feixoo ao interese de poder confrontar directamente con Pedro Sánchez e visualizarse como líder da oposición.

A oposición critica o escano de Feixoo

A contradición está a ser evidenciada polos voceiros das forzas da oposición con representación na Cámara galega.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón afeou a Feixoo a súa intención de ser designado pola Cámara galega como senador autonómico, unha responsabilidade, nas súas palabras, destinada a "defender Galiza" . "Están aquí para defender Galiza, non para dar inmunidade a Feixoo, non para ser un voceiro partidario e moito menos para salvar ao PP dous salarios", aseverou Pontón. A dirixente nacionalista criticou que o PP utilice o Senado con "fins partidistas" para colocar Alberto Núñez Feixoo en Madrid e "o seu fontaneiro político", dixo en relación á designación de Miguel Tellado.

O voceiro socialista Luís Álvarez sinalou onte: "non estou descubrindo a pólvora se digo que a presenza de Feixoo no Senado non se debe á defensa dos intereses da Galiza, para iso non vai estar. Vai alí porque ten que xestionar a maquinaria do PP estatal".

Comentarios