O BNG reta a Rueda a rebater o "negacionismo lingüístico" do PP apoiando o uso do galego no Congreso

Queixas empraza ao Goberno galego a "deixar a confrontación" e a traballar pola consolidación do galego, "que non ten límites nin fronteiras" 

A deputada do BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)

A deputada do BNG, Mercedes Queixas, pediu que todos as deputadas e deputados galegos usen o idioma da Galiza no Congreso e retou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a rebater o "negacionismo lingüístico".

Desta forma, Queixas exixiu á Xunta que aclare se comparte "a valoración negativa" do uso do galego no Congreso español como fai o PP de Alberto Núñez Feixoo.

Así o fixo esta terza feira nunha rolda de prensa na que avanzou que a formación nacionalista xa rexistrou unha batería de preguntas na Cámara galega.

A nacionalista lembrou que o BNG xa demandou o uso do galego por parte dos deputados e das deputadas no Congreso e celebrou a declaración da nova presidenta da Cámara baixa española, Francina Armengol, ao levantar o veto ao uso das linguas oficiais.

Este recoñecemento foi "rapidamente cuestionado polo PP a nivel estatal" polo que exixiu ao PPdeG que aclare se comparte esa "valoración negativa".

Esa "actitude negacionista" do PP cara á lingua galega, que vive "un dos momentos máis delicados da súa milenaria historia", volverá ser cuestionada no Parlamento galego unha vez se reinicie o período de sesións en setembro.

Preguntas na Cámara galega

Para iso, o BNG realizará unha batería de preguntas para saber se a Xunta da Galiza "comparte esa valoración negativa" que fai o PP a nivel estatal do uso do galego.

Outra delas irá encamiñada a cuestionar se "entende que é innecesaria, irrelevante e que simplemente constrúe un debate estéril", se entende que a valoración do PP no Estado "é coherente coa defensa da diversidade lingüística no Estado español", entre outras cuestións.

Ademais, rexistraron unha proposición non de lei na que instaron o Goberno da Xunta a apoiar a proposta de utilización das linguas oficiais que farán os deputados na nova lexislatura.

"É hora de que o PP abandone a política de negación, do disenso, da confrontación e quebra do consenso social que inaugurou en solitario e unilateralmente en 2009", esgrimiu Queixas.

Ao mesmo tempo incidiu en que o PP na Galiza débese "posicionar como aliado da consolidación do galego", pero non só no país, senón tamén "en moitos países" xa que "non existen límites nin fronteiras para o galego".

Comentarios