O BNG acusa a Xunta de "obstaculizar" o acceso de deputados a información "á que teñen dereito"

Esta non é a primeira vez que o BNG denuncia o "comportamento pouco democrático" do Goberno do PP no que se refire ao acceso á información.
O deputado do BNG no Parlamento galego, Daniel Castro (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado do BNG no Parlamento galego, Daniel Castro (Foto: Nós Diario).

O deputado do BNG Daniel Castro acusou o Goberno que dirixe Alfonso Rueda de "falta de transparencia" e de "obstaculizar" o acceso dos deputados e deputadas do BNG "á información á que teñen dereito" en base ao artigo 9 do regulamento do Parlamento da Galiza.

"A Xunta incumpre sistematicamente o regulamento porque segue sen entregar moita da documentación que se lle require, habendo hoxe máis dun centenar de solicitudes sen resposta", apuntou o deputado, quen tamén criticou que, naqueles casos nos cales si hai resposta, "a miúdo falta transparencia" porque non se atende o que realmente solicitan os deputados, "dificultando así o seu traballo como representantes do pobo".

“Comportamento pouco democrático”

Esta non é a primeira vez que o BNG denuncia o "comportamento pouco democrático" do Goberno do PP no que se refire ao acceso á información.

De feito, o Bloque xa presentou no mes de febreiro unha queixa formal perante a Valedora do Pobo, que nunha resolución do pasado mes de xuño se dirixiu á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia advertindo que non se proporcionou a información "nun bo número das iniciativas" presentadas e lembrándolle o dereito dos deputados para acceder á información.

Castro denuncia agora que, aínda que aumentou o número de solicitudes contestadas por parte da Xunta ao Bloque, "en moitas ocasións falla a calidade das respostas, porque ou se remite a algunha ligazón de páxinas web que non achegan nada, ou a información que facilitan non é a solicitada ou mesmo nas súas respostas chegan a pór deberes aos deputados e deputadas", lamenta.

Comentarios