O BNG volve instar a Xunta a aprobar un protocolo contra as agresións sexuais no ocio nocturno

As agresións sexuais con penetración aumentaron 10,3% no último ano
A deputada do BNG Noa Presas no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG Noa Presas no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

Seis meses despois de ser aprobado por unanimidade no Parlamento galego, nada se sabe do protocolo contra agresións sexuais no marco do ocio nocturno. Neste sentido, a deputada do BNG Noa Presas presentou esta segunda feira, 21 de agosto, na Cámara galega unha batería de iniciativas para exixir á Xunta da Galiza que acelere a súa posta en marcha. 

"No BNG estamos preocupados polos casos que estamos a coñecer de violación múltiple tanto na Galiza como no resto do Estado. A violencia sexual é unha forma de violencia machista e, polo tanto, as institucións teñen a responsabilidade de incrementar os recursos para combatela, de facelos máis eficaces, de educar a sociedade e de mellorar as ferramentas para atender as vítimas", asegurou Presas. 

A iniciativa do BNG, o Parlamento galego aprobou xa o pasado mes de febreiro unha proposta neste sentido, que aínda está por cumprir e "que urxe facelo máis se cabe tras os últimos acontecementos de violencia contra as mulleres rexistrados ao longo deste verán na Galiza". 

Máis violencia

Ás agresións que transcenderon nas últimas semanas súmanse os datos de criminalidade publicados polo Ministerio do Interior español, segundo os cales entre xaneiro e marzo de 2023 denunciáronse na Galiza 43 agresións sexuais con penetración, 10,3% máis que no mesmo trimestre do ano anterior, e máis da metade das que se produciron en 2021. 

Así, Presas empraza a Xunta a acelerar a aprobación do protocolo de prevención fronte as agresións sexuais no marco do ocio nocturno. "O Goberno do PP informou de que a comezos de xuño estaría xa operativo para a súa aprobación e divulgación, mais neste momento segue sen ser realidade", critica. 

Comentarios