O BNG propón aumentar no mínimo até 5% o parque de vivenda pública

A porcentaxe actual de pisos protexidos é 1%.
A deputada do BNG, Alexandra Fernández (Foto: Nós Diario).
photo_camera A deputada nacionalista Alexandra Fernández. (Foto: Nós Diario)

O BNG traballa nun plan "ambicioso" co obxectivo de aumentar o parque de vivendas públicas na Galiza até 5% do total —actualmente non chega a 1%—, campo no que o país está "á cola" a nivel estatal e europeo porque a Xunta "non fixo nada" nos últimos 14 anos.

Así o manifestou a deputada nacionalista Alexandra Fernández esta segunda feira, que vinculou coa proximidade das eleccións co anuncio realizado a semana pasada polo presidente Alfonso Rueda de incorporar 1.800 vivendas públicas até 2026.

En concreto, Fernández lamentou que o PP prometa "para mañá o que non fixeron até agora", dado que "non fixo nada" en materia de vivendas de promoción pública desde que entrou no Goberno galego en 2009.

"A un ano das eleccións galegas só lle queda facer propaganda", afeou a deputada nacionalista, quen en todo caso cuestionou que esta promesa vaia materializarse porque "non son críbeis". De feito, lembrou que os populares, no seu programa para as eleccións de 2016, prometeron 1.500 vivendas ao amparo do programa 'Rexurbe' e en 2020 chegaron a elevar esta cifra até as 3.000. Con todo, dixo, "o último informe de 'Rexurbe' di que apenas hai 10 inmobles rehabilitados".

Propostas

Neste contexto, Fernández reivindicou que o BNG propón un programa que recupere o orzamento en vivenda que o PP "recortou" e execute os compromisos orzamentarios. Ademais, propón pór en marcha unha comisión da vivenda pública e accesíbel encargada da promoción e construción de nova vivenda e adquisición de vivenda usada.

A Xunta da Galiza anunciou a semana pasada que ía aumentar até 2026 —a través de promoción pública ou privada— en 1.800 vivendas o seu parque para o aluguer social. Unha cifra moi inferior ás 10.900 persoas que esta segunda feira figuraban no rexistro de demanda dunha vivenda protexida para alugar. O reto que se marca o Goberno galego para os vindeiros tres anos bate co feito nos últimos tres: entre 2020 e 2022 só se finalizaron 24 vivendas de protección oficial para ser alugadas.

Comentarios