A Xunta anuncia 1.800 vivendas para aluguer socialaté 2026 e hai 10.900 demandantes

A Xunta da Galiza ten o obxectivo de aumentar até 2026 -a través de promoción pública ou privada- en 1.800 vivendas o seu parque para o aluguer social. Unha cifra moi inferior ás 10.900 persoas que onte figuraban no rexistro de demanda dunha vivenda protexida para alugar. O reto que se marca o Goberno galego para os vindeiros tres anos bate co feito nos últimos tres: entre 2020 e 2022 só se finalizaron 24 vivendas de protección oficial para ser alugadas.
Un edificio en construción na Galiza. (Foto: Europa Press)

Entre este ano e 2026 a Xunta da Galiza destinará 250 millóns de euros a aumentar o seu parque público de vivenda social para alugar. O anuncio foi realizado onte, após a reunión semanal do Consello da Xunta, polo presidente galego, Alfonso Rueda. O mandatario puxo ao anuncio cifras: 1.800 vivendas máis que agora para chegar até as 5.600. 

Deses 1.800 pisos, case mil serán construídos pola Xunta a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), mentres que 260 correrán a cargo de promoción privada, achegando a Xunta unha axuda económica na súa construción. O resto —perto de 700— provirán de rehabilitacións de inmóbeis a cargo da Administración galega, propiedades municipais e adquisicións á Sareb (coñecida como o 'banco malo'). "A maiores", proseguiu Rueda , a Xunta continuará a "impulsar" a construción de vivenda protexida de promoción privada, a través de empresas e cooperativas. "Poremos á súa disposición todo o solo da Xunta", manifestou, cifrando esa dipoñibilidade en 17 parcelas.

Escaseza

Onte, 30 de marzo, o número de persoas inscritas no rexistro de demandantes da Xunta dunha vivenda de protección para aluguer elevábase a un total de 10.940 persoas. Delas, 2.800 aspiran a un aluguer con opción a compra.

Estas máis de 10.000 demandantes superan amplamente a oferta que a Xunta quere dispor para aluguer social nos vindeiros tres anos e que apenas cubriría 15% desa demanda.

Ademais, e tal e como publicou Nós Diario esta mesma semana, entre 2020 e 2023 só 24 vivendas de protección oficial (VPO) foron finalizadas na Galiza para arrendar, das cales nove foron con opción de compra e 15 sen esa opción. En 2022 finalizáronse na Galiza pouco máis dun cento de VPO, apuntan as estatísticas de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, polo que a oferta en aluguer é de menos de 9% dese total, xa de por si baixo. A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) cifrou en ao redor de 20.000 vivendas de protección oficial as que se precisarían no mercado. Máxime nun contexto de aumento persistente e constante dos prezos dos alugueres e de escaseza de oferta.

Rede eléctrica

O Consello da Xunta decorrido onte tamén aprobou reiterar ao Executivo estatal a solicitude de que na planificación de infraestruturas eléctricas para o período 2022-2026 na Galiza se estipule unha ampliación de 1.200 MW adicionais. O Executivo considera que vai ser necesaria toda esa potencia extra para atender "os moitos proxectos industriais" que durante ese período poden acabar instalándose na Galiza, indicou Rueda, citando Altri, entre outros. "Precísase modificar a planificación eléctrica para ter en conta estes proxectos viábeis e certos", concluíu

Comentarios