O PP rexeita o ofrecemento de Pontón dunha reunión con Rueda pola AP-9

Pui propón unha xuntanza de portavoces dos grupos parlamentarios.
Alfonso Rueda e Ana Pontón.
photo_camera Alfonso Rueda e Ana Pontón.

O portavoz parlamentario do PP no parlamento galego, Pedro Pui, desbotou esta terza feira que o presidente galego, Alfonso Rueda, vaia participar nunha reunión sobre o traspaso da AP-9, como demandara por carta —tanto ao titular da Xunta como ao líder do PSdeG, Valentín García Formoso— a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Como alternativa e co argumento de que se trata dun asunto cinguido ao Parlamento, que no seu día remitiu unha iniciativa lexislativa unánime ao Congreso para lograr a transferencia da autoestrada, Pui propuxo que se reúnan os portavoces na Cámara.

Na súa intervención, o portavoz dos populares no Pazo do Hórreo queixouse da "lentitude" de tramitación da iniciativa galega no Congreso e suxeriu que denota que "non hai excesiva vontade de impulsala" por parte da "maioría" que sustenta ao Goberno estatal.

"Pór fin á concesión"

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reiterou esta terza feira a necesidade de que o Goberno do Estado "actúe canto antes" e poña fin á concesión da AP-9 á empresa Audasa.

Rego explicou que, ademais da resolución da Unión Europea que considera que as prórrogas —"concedidas tanto por Executivos do PSOE como do PP"—non se axustaron á legalidade, esta infraestrutura está "máis que amortizada" e considera "escandaloso" que os galegos e galegas continúen a ter que pagala.

Neste sentido, reclama ao Goberno español atender os intereses da cidadanía e das empresas da Galiza, "e non os intereses dunha empresa privada, participada por fondos voitre, e dar por finalizada a concesión".

Comentarios