O BNG obtería un segundo escano no Congreso e a dereita seguiría sen poder chegar a Moncloa

Un empate a 175 escanos entre bloques situaría o Congreso español nunha situación de bloqueo.
Sesión constitutiva do Congreso dos deputados, o pasado 17 de agosto (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Sesión constitutiva do Congreso dos deputados, o pasado 17 de agosto (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O BNG obtería un segundo escano no Congreso español nunha hipotéticas eleccións estatais, así se desprende da sondaxe de Electomanía publicada no último día de 2023. A forza nacionalista chegaría a 0,9% dos sufraxios, segundo o estudo do portal especialista en dinámica electoral.

O estudo publicado este 31 de decembro outorga unha suba de votos para o Partido Popular, que alcanzaría 35,5% dos votos e 153 escanos. Porén, a forza liderada por Alberto Núñez Feixoo seguiría sen alcanzar a Moncloa, posto que a suma con Vox e Unión del Pueblo Navarro (UPN) non chegaría á maioría absoluta.

Ao ficar Coalición Canaria sen representación, os 175 votos da suma dos tres partidos da dereita e ultradereita españolista non serían suficientes para levar Feixoo á Moncloa. A forza de Santiago Abascal (Vox) quedaría en 9,7% e 21 escanos, mentres que UPN conservaría o seu único escano.

Pola súa parte, o PSOE obtería 31,1% dos sufraxios e 129 escanos, o que sumado aos asentos do resto do bloque de investidura, ficaría en 175 votos, o que non permitiría ao presidente español Pedro Sánchez reter a súa actual posición na xefatura do Executivo estatal, senón que situaría o Congreso español nun bloqueo por un empate técnico.

A outra pata do Goberno español, Sumar, o movemento liderado por Yolanda Díaz, é a forza peor parada nesta última sondaxe do ano realizada por Electomanía, pois ficaría en 9,4% dos votos e caería até 16 escanos. Ademais, Podemos, recentemente escindido do grupo parlamentario de Sumar, estaría ao bordo de conservar a representación na Cámara Baixa, ao experimentar unha leve mellora.

Na loita entre as forzas soberanistas catalás pola hexemonía dentro do seu espazo, Junts, con oito escanos, ficaría por diante de Esquerra Republicana de Catalunya, con sete. Pola súa parte, a CUP seguiría sen poder entrar con representación ao Congreso dos Deputados do Estado español.

Entre as forzas vascas, Bildu, con sete representantes, gañaría a partida ao PNV, con seis, se ben é certo que a formación abertzale tamén se presenta en Nafarroa, circunscrición pola que Bildu obtería representación, levando un dos seus escanos.

Comentarios