A Galiza terá o status político de Euskadi e Catalunya no caso dunha reforma do modelo do Estado

O BNG aprobou onte o preacordo de investidura de Pedro Sánchez logrado na quinta feira entre os negociadores da formación nacionalista e do PSOE. A proposta, á que tivo acceso Nós Diario, recolle o mesmo status político para Galiza que para Euskadi e Catalunya e reducir a débeda galega.
Carme da Silva, Ana Pontón e Néstor Rego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Carme da Silva, Ana Pontón e Néstor Rego, onte, presentando o acordo de investidura con Sánchez. (Foto: Nós Diario)

A implantación do ferrocarril de proximidade na Galiza foi un eixo central do programa electoral do BNG para as pasadas eleccións estatais do mes de xullo. Neste punto, nacionalistas e socialistas acordaron a súa posta en marcha para que “antes do final lexislatura, a Galiza conte con servizo de proximidades, primando os tramos Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol”, segundo sinala o documento do preacordo de investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno español e cuxo contido foi aprobado onte pola executiva nacional do BNG. A entrada en vigor deste servizo, pon remate á anomalía que situaba o país como un dos poucos territorios do Estado sen este servizo.

Mobilidade

A estrutura ferroviaria galega recebe un forte impulso con este acordo de investidura entre BNG e PSOE. Así, entre outras medidas recóllese “acelerar  os traballos no tramo de conexión entre Vigo e a fronteira portuguesa incluíndo a saída sur de Vigo, para garantir a súa posta en servizo na contorna de 2030”. Na mesma dirección, apróbase a modernización das liñas de camiños de ferro entre Guillarei e Ourense, A Coruña e Lugo así como a construción do bypass de Betanzos, para axilizar a conexión entre A Coruña e Ferrol e da circunvalación de Curtis, para unir por tren Lugo con Compostela.

As medidas en materia de mobilidade chegan, tamén, á rede viaria por estradas. Nesta caso, fíxanse novas bonificacións para os usuarios das autoestradas AP-9 e AP-53, estabelecéndose un desconto en cada unha delas de 50%.

Nesta perspectiva, impúlsanse actuacións de mellora naqueles tramos dependentes do Estado que concentran unha alta densidade de accidentes e axilízase a execución de determinadas actuacións que acumulan atrasos, como a autovía entre Compostela e Lugo ou a variante de circunvalación da Estrada.

Plurinacionalidade

Os nacionalistas conseguiron arrancarlle a Pedro Sánchez garantir un status xurídico para Galiza análogo ao de Euskadi e Catalunya, na perspectiva de que se poida avanzar cara ao seu recoñecemento nacional no marco da negociación da investidura. A este respecto, o texto do acordo sinala que “tendo en conta o actual status da Galiza, Euskadi e Catalunya como nacionalidades históricas, comprometerse a que calquera modificación da estrutura do Estado asegurará á Galiza o mesmo status que ás outras dúas”.

O pacto dá un forte impulso ao autogoberno, comprometendo os parceiros a activar o traspaso de competencias, após 14 anos onde os Gobernos do PP non conseguiron ningunha transferencia para a Galiza. Nesta orientación, ponse data para antes de final deste ano para convocar “a Comisión Mixta de Transferencias Estado-Xunta da Galiza para programar, ao longo da presente lexislatura, a activación da transferencia da totalidade das competencias recollidas no Estatuto de Autonomía, así como das competencias que foran obxecto de consenso no Parlamento”.

Lingua galega

O impulso aos usos do galego paira sobre todo o acordo. Neste sentido, estabelécese “o recoñecemento real e práctico do plurilingüismo do Estado garantindo a presenza normalizada da lingua e das producións culturais galegas en RTVE, así como o incremento das horas de desconexión territorial en lingua galega e a recuperación de Radio 4, emisora exclusivamente en galego”. Asemade, fíxase dar “eficacia ao regulado na Lei do audiovisual no referido a garantir que os contidos destinados a público menor de doce anos estean dispoñíbeis en todas as linguas oficiais do Estado”.

O pouso social enchoupa o pacto entre nacionalistas e socialistas. Nesta esfera, recóllense, entre outras medidas, a “creación de cinco novos xulgados extraordinarios de Violencia de Xénero en Lugo, Ourense, Compostela, Pontevedra e Ferrol e dotación de todos os medios precisos para o seu correcto funcionamento”. Na mesma liña, garántese que “os xulgados de Santiago de Compostela, Lugo e Ourense incluiranse nos orzamentos do Estado de 2024”.

Alfonso Rueda

Alfonso Rueda compareceu co seu Goberno para valorar os diversos acordos de investidura, seguindo a liña marcada polo Partido Popular do Estado de levar o rexeitamento a estes acordos a todos os territorios. A este respecto, asegurou que “os acordos que coñecemos onte se completarán en próximas datas con outros igualmente desequilibrantes e inxustos para Galiza, e así até acadar a maioría que busca Pedro Sánchez”.

Ana Pontón

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, valorou de modo moi positivo o acordo. Nesta liña, reivindicou que a súa formación foi capaz de "impulsar" a "axenda galega" en Madrid e que é a "forza" do BNG a que permite a Galiza estar nos debates. Nesta liña, lamentou que o presidente da Xunta da Galiza volvera saír onte publicamente "enfadado" e que, en lugar de traballar na dirección dos nacionalistas, se sitúe aos "ditados de Xénova".

José Ramón Besteiro

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteir asegurou que "este acordo vai máis aló das necesidades numéricas” e avanzou que "implica moito máis", asegurando que “será unha primeira parte da aposta por Galiza", nunha referencia aos próximos

O BNG logra reducir a débeda galega que Rueda aumentou a 12.333 millóns

O acordo de investidura entre nacionalistas e socialistas fixa unha redución da débeda pública galega na mesma proporción que a acordada para Catalunya no pacto asinado entre Pedro Sánchez e ERC. Neste sentido, os dirixentes do BNG e do PSdeG destacaron nas súas comparecencia de onte a importancia desta decisión para sanear as contas da Xunta da Galiza. Porén, o mandatario galego, Alfonso Rueda apuntouse ás directrices do presidente do PP español, Alberto Núñez Feixoo, de cargar contra os acordos asinados polo PSOE para garantir a investidura de Sánchez. A falta da aprobación dun novo modelo de financiamento autonómico, cuxa ratificación está prevista para o comezo da lexislatura, o BNG e o PSOE adoptan no seu acordo diversas medidas para aliviar a débeda galega, que os Executivos do PP elevaron a máximos históricos en 2023 ao sumar 12.333 millóns de euros. Neste sentido, acórdase “en caso de condonacións totais ou parciais da débeda adquirida polas comunidades autónomas adheridas ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), estabelecemento de medidas compensatorias análogas para Galiza, no marco das compensacións a aquelas polas comunidades que non fixeron uso do FLA”. Porén, Rueda, que prestou onte unha declaración institucional, sinalou que o acordo de financiamento formulado polos socialistas “ permite adiviñar un novo agravio para Galiza, no que nos veriamos prexudicados”. Dixo que “hai que falar claro. Non pode chamarse condonar ao que realmente é mutualizar”.

Comentarios